Vence, na Diada: “É un estímulo ver que cando un pobo decide facerse coas rendas do seu futuro é imparábel”

O portavoz nacional do BNG anima á cidadanía galega a tomar conciencia de que “os nosos problemas non van ter solución desde fóra”. Delegacións do BNG, Anova, Nós-Up e CxG tomaron parte en actos da Diada

Nogueira, Miranda, Vence

Unha delegación do BNG, composta polo portavoz nacional, Xavier Vence, e a secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, tomou parte nos actos da Diada, onde valoraron “a decisión da sociedade catalá de decidir o seu futuro e apostar por unha Catalunya independente non ten marcha atrás.”

Para Vence, “esta sociedade está na recta final para a construción da nación catalá, nun proceso imparábel que afronta sen medo ao futuro”. Nesta liña, destaca que “para o BNG é un estímulo ver que cando un pobo decide facerse coas rendas do seu futuro é imparable”b e salientou o “fracaso do modelo de Estado centralista, incapaz de darse conta do alcance deste proceso, ao que só sabe contestar con bravatas”.

“España é un corsé que impide o desenvolvemento doutras nacionalidades”

 

Desde a evidencia de que os tempos políticos son diferentes en Galiza e Catalunya, o portavoz nacional considera que “@s galeg@s debemos asumir coa mesma decisión que os nosos problemas non se van resolver desde fora, que o futuro depende de nós e que España é un corsé que impide o desenvolvemento doutras nacionalidades”.

Neste sentido, Vence convida a toda cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do próximo domingo 15 de setembro baixo o lema Por unha patria soberana, “porque reclamar máis soberanía non é un capricho ou unha ocurrencia ideolóxica senón o desexo de que Galiza conte coas mellores ferramentas para defender o seu futuro”.

Galiza na Diada

Na Diada estiveron presentes non só delagación do BNG, senón tamén de Nós_Unidade Popular, Anova e Compromiso por Galicia, aínda que en actos diferentes. Así, BNG e Anova estiveron convidados por ERC, mentres que Nós foi polas CUP.

Comentarios