Vence: “O modelo de Pontevedra é 100% BNG, a guía do que queremos facer nos concellos”

O portavoz nacional do BNG-Asambleas Abertas pechou o mitin co candidato á reelección Miguel Anxo Fernández Lores reivindicando os logros dos nacionalistas. 

VENCE E LORES MITIN PONTEVEDRA
photo_camera Vence e Lores no mitin de Pontevedra


O portavoz nacional do BNG-Asambleas Abertas, Xavier Vence, reivindicou o modelo de goberno dos nacionalistas en Pontevedra, durante o mitin que celebrou este venres na cidade do Lérez xunto ao candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores.

“O que se fai en Pontevedra non é unha excepción, é 100% BNG, é a guía do que queremos facer en todos os concellos do país, un modelo que implantamos alí onde gobernamos”, subliñou Vence. Destacou o cambio que viviu a cidade grazas o traballo da equipa de Lores inda que “algúns se empeñen en negar os logros” porque “os intereses os cegan”.

“O único que ten modelo, proxecto e iniciativas de futuro enriba da mesa é o BNG", asegurou Lores

Fernández Lores pechou o mitin cun discurso onde reclamou a xestión nacionalista durante os últimos 16 anos. “O único que ten modelo, proxecto e iniciativas de futuro enriba da mesa é o BNG. Cando propoñemos converter Pontevedra nunha cidade referente, todos en contra”, manifestou o alcalde, que fixo un percorrido por algunhas das medidas do seu goberno, criticadas pola oposición, mais que contan co respaldo da veciñanza e de numerosas institucións internacionais.

“Pontevedra está nunha situación de vantaxe, entre todos e todas acadamos avanzar moito e darlle unha enorme proxección. Fixemos o mais difícil. O que nos preguntan en New York ou en Madrid, en Bruxellas ou en Florencia, en Dubai ou en Barcelona, o que lles interesa é coñecer como fumos capaces de dar os pasos que temos dado”, dixo Lores. 

"Algúns só ven Galiza como unha despensa de votos"

O portavoz nacional do BNG salientou a “sintonía” do candidato nacionalista coa xente da cidade, mentres criticou aos que “se deixan caer en campaña, porque só ven Galiza como unha despensa de votos”, afirmou en relación ao presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, que este venres acudiu a varios mitin na provincia. 

O 24M temos a oportunidade de seguir construíndo Pontevedra e lanzar unha mensaxe clara de rexeitamento ás políticas do PP, as que representa un Feijóo sempre submiso a Madrid e as grandes empresas madrileñas, amigas de Rato, Aznar e Aguirre”, considerou Vence, que asegurou que “non fixo nada por Pontevedra salvo enredar, como volve facer agora con Ence, porque parece que lle interesa a pasta”.

O mitin tivo lugar no auditorio de Afundación en Pontevedra, que estivo cheo para o acto dos nacionalistas.  Antes de Lores e Vence, falaron tamén varias candidatas e candidatos la lista do BNG como Luis Bará, Demetrio Gómez, Alberto Oubiña, Anabel Gulías, Lola Dopico, Miguel Filgueira, Henrique Juncal, María Rodríguez e Pilar Comesaña.

Comentarios