Vence, a Martiño Noriega: “O que resulta cansino son os discursos baleiros”

O portavoz nacional do BNG pide que se abandone “a estratexia de declaracións cínicas” e amosou a súa esperanza de que na convocatoria de IpU e o Encontro “todos aposten nunha candidatura de unidade”.

VENCE ROLDA DE PRENSA1

“O que resulta cansino son os discursos baleiros”. Con esta frase respondeu o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, ás declaracións feitas na fin de semana por Martiño Noriega, alcalde de Compostela e co-portavoz de Anova, cando dixo nunha entrevista na Cadea Ser que “empeza a resultar bastante cansino todo o proceso destes meses nos que o BNG fai chamamento á unidade popular, pero no fondo pon 25 condicións para chegar á unidade popular”. A preguntas dos xornalistas, Vence dixo que as declaracións baleiras “e cínicas non axudan a sentar as bases para unha candidatura unitaria galega”, unha candidatura que si cre que se pode lograr. Por iso, dixo, o BNG vai asistir ao acto convocado por Iniciativa pola Unión e o Encontro cidadán por unha marea galega. “Nós imos ir e queremos que asistan todos. Iremos aí coa mellor vontade e toda a disposición para sumar. Sumar para ter grupo parlamentar propio”, manifestou.

40 propostas

O portavoz nacional fixo estas declaracións na presentación da postura do BNG sobre o debate do estado da nación que decorre esta semana no Parlamento. Xavier Vence considera que o debate “será o balanzo dun fracaso, da falta de proxecto de Feijóo que deixa un país esnaquizado. É o final de todo un ciclo de recortes, en benestar, en servizos públicos e sociais, cos sectores produtivos desmantelados, un ciclo de declive económico e demográfico”, sintetizou Vence, quen avanzou que o BNG, após facer unha diagnose “realista” da situación, presentará 40 propostas de resolución para “un proxecto de país”.

Vence quixo deixar claro que o BNG fará un relato real da situación de Galiza fronte “á propaganda” que afirmou despregará Feijóo na súa intervención para agochar a realidade dun país “que se desfai a cachos como consecuencia das políticas nefastas do PP ao longo destes anos”.

Comentarios