CHAMADOS COMO TESTEMUñAS

Vence e Lobeira, citados a declarar perante a Audiencia Nacional en plena campaña

O portavoz nacional e o secretario de Organización do BNG -Xavier Vence e Bieito Lobeira, respectivamente- foron citados a declarar perante a Audiencia Nacional o vindeiro 14 de decembro ás 10 horas. Segundo puido saber Sermos Galiza, son chamados como testemuñas polo xuíz Eloy Velasco en relación ao proceso seguido contra dirixentes de Causa Galiza. 

O BNG informará dos pormenores deste asunto, segundo puido saber Sermos Galiza, a meio dunha comparecencia de imprensa do secretario de Organización da formación frentista, Bieito Lobeira, que irá ter lugar ao longo da mañá desta cuarta feira.

As fontes consultadas por Sermos manifestaron que a decisión do xuíz Eloy Velasco de chamar a declarar os dirixentes nacionalistas “ten causado sorpresa” na Executiva do BNG.

Segundo puido confirmar Sermos Galiza, Vence e Lobeira terán de prestar declaración como testemuñas no curso dunha investigación anti-terrorista.

A declaración de Vence e Lobeira perante a Audiencia Nacional vaise producir na recta final da carreira cara ao 20-D, en concreto na segunda feira da última semana de campaña.

Toda a información sobre esta cuestión, ao longo desta mañá en Sermos Galiza, e tamén no número 173 do semanario, que sairá do prelo esta quinta feira.

Esta nova foi modificada ás 09:38h. 

Comentarios