BNG lamenta o “obstrucionismo” de IU e o “seguidismo” de Anova e anuncia mobilizacións

Xavier Vence presentou un calendario de actos cidadáns abertos para reclamar o dereito de Galiza a decidir após concluíren sen acordo as conversas sostidas con Anova, Esquerda Unida e formacións independentistas.

Rodea o Parlamento
photo_camera Rodea o Parlamento [Imaxe @obloque]

O portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, analizou o desenlace das conversas tidas estes días -cuarta e quinta feira- entre forzas soberanistas e a esquerda estatal.

Para o voceiro do BNG, foi o "obstrucionismo" de Izquierda Unida o que imposibilitou un acordo final que puidese resultar no impulso de mobilizacións conxuntas. E é que, segundo explicou Vence, a federación de IU en Galiza, Esquerda Unida, "tiña como única prioridade a dinámica estatal de IU" polo que "só asumía como lema o lanzado polo seu holding desde Madrid". Isto é, Referendum Xa!.

Para @s nacionalistas, o debate aberto após a abdicación de Juan Carlos I de Borbón "non pode simplificarse como fan os sectores da dereita e da esquerda españolas" ao "dilema" dun "referendo sobre monarquía ou república" senón que, explican desde o BNG, "o problema é a configuración territorial do Estado" e "a solución, abrir un novo proceso constituínte que rompa coa actual centralización e recoñeza o dereito das nacións a decidir”.

O BNG di confiar aínda na posibilidade dunha "convocatoria unitaria" galega como, din, "demanda a cidadanía"

Así pois, a postura inamobíbel de Esquerda Unida que coidaba a defensa do dereito de autodeterminación como algo que "non suma, senón que resta" -dixo en alusión a unha frase que tería pronunciado o secretario xeral do PCE na Galiza-, rematou por "botar por terra a proposta dunha dinámica unitaria en clave galega" entre todas as organizacións sociais e políticas que "cuestionan o actual marco constitucional", como defendía o BNG.

Desde a organización frontista critican con dureza o "seguidismo" de Anova, á que acusan de ter apoiado os posicionamentos definidos desde Madrid por IU-Federal e que foron defendidos nas xuntanzas polos representantes de EU.

Mobilizacións polo dereito das nacións a decidir

Así as cousas, @s nacionalistas lanzaron un calendario de "mobilizacións abertas" até a coroación de Felipe VI ao tempo que, din, non renuncian a “unha ampla convocatoria unitaria a nivel galego, como pensamos demanda a cidadanía que estes días se manifesta por todo o país”.

Os actos e concentracións que propuxo esta sexta feira o BNG están abertos, explicou Xavier Vence, "a todas as forza políticas, plataformas e movementos sociais, sindicais e ao conxunto da cidadanía”.

O 19 de xuño BNG, Bildu, ERC e CUP convocan nos seus territorios concentracións polo dereito a decidir das nacións

O almanaque proposto comeza cun acto simbólico este sábado 7 de xuño ás 12.00 horas. A organización frontista chama a "rodear o Parlamento" de Galiza. Asemade, a fronte anuncia que participará das concentracións convocadas para a tarde "acompañando a cidadanía".

Xa a vindeira semana, o Bloque chama a desenvolver actos nas diferentes vilas e cidades do país, como unha asemblea aberta en Compostela, a partir das 20.00h coincidindo co debate do proxecto de lei orgánica que rexerá a sucesión monárquica.

O 19 de xuño, con motivo do acto de coroación de Felipe VI organizacións soberanistas de esquerdas das nacións sen estado (BNG, Bildu, ERC e CUP) convocan senllas concentracións nos seus territorios a favor do dereito a decidir das nacións e contra unha segunda restauración borbónica.

Comentarios