Vence exixe ''conxelar'' o canon de Sogama ''para primar as familias sobre Fenosa''

A suba do 34% na factura do lixo que pretenden aplicar de maneira unilateral Xunta e Gas Natural implica un cambio nas condicións dos contratos asinados entre os concellos e Sogama levou a cinco concellos a convocar unha xuntanza para o 18 de novembro á procura dunha resposta conxunta dos municipios galegos contra un incremento que cualifican de "abusivo".

vence
photo_camera [Imaxe: BNG]


A decisión unilateral adoptada entre a Xunta e Gas Natural para incrementar nun 34% a factura do lixo de Sogama suporá que os 296 concellos que envían os seus residuos á planta de Cerceda pasen a pagar 82,1 euros por tonelada de refugallos, fronte aos 61,5 que pagaron até o de agora. Esta mudanza nas condicións contractuais dá aos gobernos locais "todo o dereito para se declararen insubmisos, pois os dereitos da veciñanza están por riba da conta de resultados de Fenosa". 

Así se pronunciou ao respeito o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence. Fíxoo en rolda de imprensa na sede da formación frontista esta segunda feira, onde cualificou como "espectacular" o incremento no desembolso que os concellos terán que facer para continuar coa xestión dos residuos en virtude dun modelo que aposta na incineración e que o nacionalista considerou "fracasado". 

Así, Vence reclamou a "conxelación" do canon do lixo e aproveitou para defender o estabelecemento de plantas de reciclaxe nas cabeceiras de comarca, unha estratexia "máis eficiente en termos medioambientais, económicos e de xeración de emprego". 

Revolta municipal contra a suba da factura do lixo

O rexeitamento a pagar máis polo tratamento dos residuos xerou xa un movemento de protesto liderado polos alcaldes de Monforte e Ribadeo (BNG), A Pastoriza e Pedrafita (PSdG-PSOE) e Chantada (Independentes Terras do Asma, liderados por Manuel Varela ex-rexedor do PP).

Convocaron para a vindeira segunda feira 18 de novembro en Compostela unha xuntanza á cal están chamad@s @s rexedor@s "de toda Galiza e de todas as cores políticas" para prepararen unha resposta "contundente" que free os plans da Xunta e Gas Natural. 

Exixen unha reunión coa Fegamp --a Federación galega de municipios e provincias-- e co propio presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo. Se as partes non sentan a negociar de inmediato na procura de medidas alternativas a unha suba do canon que consideran "abusiva", a opción 'b' que barallan non é outra que o boicot: a partir do 1 de xaneiro de 2014 declararíanse insubmisos e deixarían de abonar as facturas que emita Sogama. 

Cando o Goberno español eliminou as primas ás enerxías renovábeis, a empresa deixou de ingresar até 13 millóns de euros ao ano pola venda de electricidade. A necesidade de sanear as súas propias contas foi a que levou a Gas Natural-Fenosa --propietaria do 49% de Sogama-- e á Xunta a aprobar a suba unilateral do 34% no canon pola xestión dos refugallos. 

Comentarios