Vence envía unha misiva a Beiras para abordar unha coligación ás europeas

O portavoz nacional do BNG remitiu esta segunda feira unha carta ao líder de Anova como convite formal para ambas as dúas organicións se reuniren visando a constitución dunha candidatura "unitaria" ás eleccións europeas.

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG
photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

Xavier Vence convidou formalmente á dirección de Anova a se reunir para abordar a posibilidade de sumaren forzas a unha candidatura galega ás eleccións europeas. 

Após Anova comunicar a pasada fin de semana un acordo dos seus órgaos de dirección segundo o cal visan a constitución dunha "fronte ampla non excluínte", aberta a formacións de ámbito estatal (basicamente Izquierda Unida), o líder do BNG insistiu en que o momento actual exixe "que a representación directa da Galiza" sexa "de crucial importancia".

Neste senso, "é a hora das nacións en Europa", afirma Vence na misiva, e é tempo de que "Galiza estea presente directamente" con "voz propia" e "erguendo a bandeira da soberanía dos pobos e das nacións sen estado", subliña. 

Vence salienta que ningunha forza nacionalista catalá ou vasca "vai ir en coligación con forzas estatais"

Así, e sendo que nas eleccións ao Parlamento europeo a circunscrición electoral é estatal, Xavier Vence lembra que "pode resultar acaído conformar unha grande coligación coas demais forzas nacionalistas de esquerdas" operantes nas nacións sen estado e salienta: "Ningunha forza nacionalista en xeral" --catalá ou vasca-- "vai ir en coalición con forzas estatais", algo que desde o BNG din partillar. 

O lider da organización frontista empraza ao portavoz nacional de Anova na súa carta a considerar a proposta lanzada polo Bloque após o acordo adoptado polo seu Consello Nacional e na que promoven a configuración dunha candidatura soberanista na Galiza que abranga todas as forzas que visen unha ruptura democrática co Estado e pule por "unha representación forte para defender os dereitos do país" e da que non ficaría excluída ningunha forza política galega que poida partillar as liñas básicas da coalición", salienta Xavier Vence. 

Neste senso, empraza á dirección de Anova a tomar en consideración a proposta lanzada polo BNG e a acollela con interese para abordar "coa maior brevidade posíbel", din, a iniciativa. 

Comentarios