O BNG ASPIRA á PRESIDENCIA DA DEPUTACIóN DA CORUñA

Vence enfatiza que o BNG está por unha candidatura galega non condicionada a ningunha forza estatal

Vence afirmou que o Bloque aposta por unha candidatura galega para as eleccións xerais non condicionada a ningunha forza estatal. Tamén sinalou que o BNG aspira á Presidencia da Deputación da Coruña.

Xavier Vence [M.Montero]
photo_camera Xavier Vence [M.Montero]

Unha candidatura galega que non estea condicionada a ningunha forza estatal. Esta é a aposta de Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, para as eleccións xerais, tal e como sinalou este mediodía nunha entrevista concedida á Cadena Ser. “Estamos na batalla de construír unha gran candidatura galega, que naza desde Galiza e das forzas políticas e da sociedade galega que queren ter representación directa e soberana no Congreso”, apuntou. “Tratamos de conformar unha gran candidatura non condicionada a ningunha forza estatal, nin a Podemos nin a ningunha outra forza”, engadiu á pregunta da xornalista.

Nesta liña, Vence puxo de manifesto que se precisa dunha “candidatura galega que conforme un grupo parlamentar propio para defender os intereses de Galiza e que poida participar con voz propia e forte no caso de que se abra unha reforma constitucional”. Sobre as mareas, o portavoz nacionalista insistiu en que o BNG se dirixe “a todas as forzas políticas e organizacións sociais co marco de referencia en Galiza” e asegurou que xa se produciron conversas co fin de que se sumen todas as forzas políticas galegas nunha mesma candidatura, co fin de que Galiza conte cunha representación “potente” para acadar un “grupo parlamentar galego”.

Vence apela á "xenerosidade" e salienta que o BNG pon por diante os intereses do paísque está decidido a apartar as siglas

Así, o portavoz nacional do BNG subliñou que defende “poñer por diante de todo os intereses do país” e advertiu da necesidade de “sumar todas as voces”. Para iso, apelou á “xenerosidade” e lembrou que o BNG está decidido a pór a un lado as siglas para concorrer ás eleccións xerais baixo un “rótulo que todos e todas decidamos e no que todas as forzas e a cidadanía que así o queira se vexan representadas”. 

Vence sinalou que a candidatura debe seguir dous criterios: ser “galega” e “soberana” e, en consecuencia, “a súa estratexia política debe decidirse desde Galiza”. Advertiu de que todos os que non compartan estes criterios non poderían entrar nesta candidatura galega, que non estaría supeditada a ningún grupo parlamentar e cuxas decisións se adoptarían desde Galiza e pensando nos intereses galegos.

Pola correlación de votos, aspiramos a poder presidir a Deputación da Coruña nun goberno participado

Preguntado pola negociación co PSOE para conformar goberno nas Deputacións de Pontevedra e da Coruña, Vence afirmou que as conversas “avanzan”. Asegurou que a Presidencia da Deputación da Coruña para o Bloque “non é o tema central”, xa que “estamos traballando na parte programática das deputacións no seu conxunto e nunha distribución de funcións equilibradas”. Porén, sinalou que “aspiramos a poder presidir a Deputación da Coruña” dada a “correlación de votos”. Lembrou que o BNG formulou, de partida, que unha forma xusta de poder visibilizar o pacto sería que a formación nacionalista presidise unha das tres deputacións e que, pola correlación de forzas, debería presidir a da Coruña

Precisamente, sobre a Deputación da Coruña, expresou o desexo de que se incorporen, amais do PSOE, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos Veciños. “Debería haber un goberno máis participado”, resumiu.

 

Comentarios