Vence encabeza unha candidatura ‘simbólica’ en Avión para denunciar o ‘’control feudal’’ do PP

O portavoz do BNG denuncia as cambadelas e atrancos para evitar candidaturas nacionalistas nalgúns concellos e a “chantaxe política” sobre a veciñanza. Malia iso, di Vence, o 97% d@s electoras poderá votar BNG-AA.

BNG avión vence

O 97 por cento d@s galeg@s poderán elixir nas eleccións municipais do 24 de maio a papeleta da candidatura do BNG-Asembleas Abertas. Vai haber lista de esquerdas e nacionalistas en 259 concellos galegos. En 55 non existirá esa opción. A maior parte deles (36), en Ourense, o que supón que o BNG-AA non se presenta no 39% dos concellos desta provincia. “Un 14,6% dos e electores e electoras ourensáns” non poderán votar candidatura do Bloque-AA fronte o 2,8% da media galega.

“Asfixia democrática”

O BNG considera que esta realidade é o mellor exemplo da “asfixia democrática” á que o PP, di, somete a provincia de Ourense, nomeadamente no rural, onde facer política á marxe do Partido Popular pode ser ás veces un acto de “heroísmo”.

Para denunciar esta situación o Bloque presenta unha “candidatura simbólica” no Concello de Avión que estará encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence e da que forman parte deputad@s e representantes nacionalistas: Olaia F. Davila, Cosme Pombo, Francisco Jorquera, Néstor Rego ou Xavier Campos son algúns dos nomes que acompañan na candidatura a Fernando Rosendo, María Veiga e Eugenio Salgueiro como militantes de Avión ata completar as once actas da corporación municipal.

Represalias

“Como é posible que en 2015 se lle diga a un candidato que non pode ir na lista do Bloque porque a empresa para a que traballa contrata coa Deputación do PP e pode ter problemas? Como é posible que se lle diga a unha candidata que podería ter traballo no concello, pero que non é posible porque vai na candidatura do BNG? Pois isto é o que fai o PP de Baltar e Feijóo en Ourense cun control férreo e feudal”, denunciou Xavier Vence Vence.

O Bloque fala da existencia dunha “tupida rede clientelar que utiliza Deputación como axente electoral”, e que é quen de exercer a presión e mesmo “chantaxe política” sobre a veciñanza, “que percibe que facer política fora do PP ten un custe mesmo en termos de posibilidades laborais”.

Fernando Rosendo, militante e número dous da candidatura, explicou que en Avión, como en outros moitos concellos da provincia, “o Concello é a maior empresa que existe, alí non hai Citröen, nin zaras, nin corte inglés. No concello de Avión hai unha brigada, un curso de formación, un obradoiro de emprego nun momento de paro masivo onde ou emigras o se te quedas a única opción de traballo é someténdote aos poderes que mandan”.

Comentarios