Vence di que non se pode aceptar a “chantaxe” de Alcoa e reivindica unha tarifa eléctrica galega

O portavoz nacional do BNG e o portavoz parlamentar, Farncisco Jorquera, mantiveron un encontro na Coruña cos traballadores da factoría.

vence alcoa

Os portavoces nacional e parlamentar do BNG, Xavier Vence e Francisco Jorquera, mantiveron na Coruña unha xuntanza cos traballadores da factoría de Alcoa, acampados ás portas da factoría na defensa dos empregos ameazados pola Multinacional. “Non podemos soportar nin a chantaxe de Alcoa nin podemos comprender a indiferenza do Goberno central e da Xunta con respecto ao futuro da industria siderúrxica e do aluminio no noso país”, manifestou Vence.

O portavoz nacionalista lembrou que Galiza é produtora excedentaria de enerxía, exporta o 40% ao resto do Estado “a cambio de pagar un custe ambiental pero, lonxe de obter algún beneficio, paga a electricidade a prezos que duplican os de Alemaña ou Francia debido a un sistema “irracional” aos servizo do lobbie eléctrico”. Vence tamén lembrou que unha ducia de ex ministr@s dos gobernos do PP e do PSOE foron contratados polas grandes eléctricas.

O BNG reclama un “acordo urxente e rápido” antes de de que finalice o ano, “para garantir un prezo competitivo da electricidade similar ao que teñen as empresas doutros países europeos”.  “É inaceptable que o custe da enerxía eléctrica para as empresas en Galiza sexa o dobre que noutros países europeos e, polo tanto, compre unha decisión e unhas medidas urxentes para garantir o futuro de Alcoa, de Megasa e de todas as plantas intensivas en enerxía eléctrica que temos en todo o país”.

Vence subliñou que é posible “se hai capacidade negociadora da Xunta co goberno central, porque no País Vasco teñen unha tarifa diferenciada resultado da negociación. Por que en Galiza non?”.


 

Comentarios