TRATADO DE LIBRE COMERCIO UE-EUA

Vence denuncia o silencio do poder arredor do TTIP

O portavoz nacional do BNG solicita “que se lle dea voz ao pobo para que poida pronunciarse” sobre un acordo entre a UE e Estados Unidos que afectará “aos servizos públicos máis básicos”.

bng
photo_camera Foto tirada de @obloque

O líder do BNG, Xavier Vence, sinalou que o Tratado Transatlántico para o Libre Comercio e o Investimento (TTIP), que se está a negociar “con total escurantismo e nocturnidade entre a UE e os EUA”, é “un auténtico ataque ao sistema público”. Así o salientou en declaracións aos medios antes de comezar a xornada aberta de debate “Soberanía e dereito a decidir. A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP)”, que se iniciou cun encontro entre o BNG e unha vintena de asociacións sectoriais e veciñais e unha charla na Coruña na que participou o propio voceiro nacional do Bloque, o candidato da formación nacionalista ás municipais de maio, Xosé Manuel Carril, ou o dirixente de Bildu Joseba Permach. 

O dirixente nacionalista reivindicou a soberanía "para impedir a aplicación do TTIP e garantir condicións dignas para o pobo galego"

Vence afirmou que “os poderes do sistema, interesadamente, renuncian a colocar na axenda do debate social a negociación deste tratado, que implicará moitas modificacións do actual marco regulatorio non só comercial e financeiro, senón tamén no regulamento dos servizos públicos máis básicos”. Vence asegurou a súa intervención ante os medios sinalando que o BNG “vai batallar para que este tratado non vaia adiante, pois vai supor un retroceso enorme en dereitos e vai en contra do modelo de sociedade que queremos”.

O portavoz nacional do Bloque criticou que a negociación do TTIP “estea a ter lugar á marxe da opinión pública e exixiu que se lle dea voz ao pobo para que poida pronunciarse sobre unha cuestión que lle vai afectar tanto no futuro”. Insistiu en reivindicar a soberanía para impedir a aplicación do TTIP e para poder “garantir unhas condicións dignas para o pobo galego”.

Foto de Joseba Permach, tirada de @BNGACorunha

Comentarios