venres 03.04.2020
APóS TRES ANOS "INTENSOS" NA PORTAVOCíA NACIONAL DO BNG

Vence pide unha "refundación a fondo" e unha "nova estratexia electoral"

O portavoz nacional chama á participación da militancia na XV Asemblea Nacional para unha “refundación a fondo” do BNG. “O electorado leva varias eleccións convidándonos a reflexionar”, dixo.

Vence, nun momento da comparecencia
Vence, nun momento da comparecencia

Xavier Vence dá este domingo o relevo como portavoz nacional do BNG, posto que ocupou durante tres anos “intensos” que, afirma, asumiu sabendo que “non ían ser un camiño de rosas”. Nun almorzo informativo cos medios de comunicación, indicou que esta XV Asemblea Nacional do BNG vai ser de gran importancia e nela hai que dar resposta a esa “maioría social que quere un nacionalismo comprometido en resolver os problemas”. Para iso, as ferramentas que entende acaídas son a “refundación a fondo” do Bloque e unha “nova estratexia electoral”.

"Rupturas no nacionalismo xa houbo demasiadas"

Nesta liña, entende que “é momento de sumar para construír unha alternativa ao PP e non centrarse nas diferenzas”, evitando caer en plantexamentos que lle leven a “asumir unha posición marxinal no taboleiro político”. Para iso pide “apostar con xenerosidade” por derrotar o PP e por “construír un goberno alternativo”. Xavier Vence insistiu en que para formular o que cualifica de “alternativa gañadora” hai que sumar a todas as forzas que partillen uns mínimos, mínimos entre os que citou a defensa e reforzamento do auto-goberno e do dereito a decicir de Galiza, e acabar coas políticas de recortes e austeridade.

“O barco está orientado na dirección adecuada”

Lembrou o aínda portavoz nacional as decisións e cambios que ao longo destes tres anos se impulsaron no BNG, desde as asembleas abertas até a coligazón con outras forzas políticas que callou na candidatura 'Nós'. Mais, apontou, “os resultados aí están” para indicar que non foron de abondo para a sociedade. Iso si, Vence defendeu que era o camiño a seguir. “O barco está orientado na dirección adecuada”, dixo, un rumo no que se debe aprofundar nos cambios e en conectar coa sociedade.

“Temos que ser unha peza na derrota do PP, ser quen de erguer un goberno alternativo no que o nacionalismo sexa parte”

Sen risco de ruptura

Preguntado polo risco de ruptura no BNG, sinalou que “rupturas no nacionalismo xa houbo demasiadas” e que estas xa produciron danos e prexuízos de abondo. Por iso, o traballo debe centrarse en “retecer” un proxecto que “ilusione” os nacionalistas, estean ou non no BNG, e “ao conxunto” da sociedade.

Non ocultou Vence a súa preferencia por un modelo de BNG que non sexa o frentista, mais destacou que é a militancia a que, neste e outros temas, vai ter a palabra e a decisión este domingo. E insistiu en que este 2016 vai ser un ano que marcará un “punto de inflexión” para Galiza nas eleccións autonómicas: “Temos a oportunidade de derrotar o PP e as súas políticas”. Mais 2016 tamén marca un punto de inflexión para o nacionalismo, dixo: “ten que ser unha peza na derrota do PP, ser quen de erguer un goberno alternativo no que o nacionalismo sexa parte”.

En Marea

Preguntado polo escenario estatal após as eleccións do 20-D, Vence criticou a "aposta temorosa" dun PSOE "con medo a encabezar un proxecto de cambio". Tamén sinalou o portavoz nacional a "sensación de frustración" que pode existir na "pata nacionalista" de En Marea por ver como a coligazón fica "supeditada ao grupo de Podemos". Por iso, dixo, a importancia da defensa dun grupo propio e soberano que propoñía o BNG.

comentarios