ELECCIóNS XERAIS

Vence considera “unha mágoa” que Beiras aposte en reforzar Podemos

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, sinalou que considera “unha mágoa” que Xosé Manuel Beiras aposte noutro tipo de proxecto que poida reforzar máis unha candidatura estatal como Podemos.

vence
photo_camera Vence, nunha conferencia de imprensa

Nunha entrevista concedida á SER-Galiza no día de onte, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, lamentou que Xosé Manuel Beiras, líder de Anova, aposte en reforzar “máis” unha forza estatal como Podemos de cara ás eleccións xerais.

Ademais, Vence declarouse sorprendido por que Beiras non desbote encabezar unha candidatura para os próximos comicios. “Polo momento vital en que se atopa, sorprende que teña forzas para encarar unha candidatura de cara ás xerais”, apuntou. O nacionalista sinalou que se trata dunha decisión “moi persoal” que respecta polo “aprezo” que lle ten a Beiras.

O portavoz do BNG confesou que a formación frontista non renuncia a que poida haber unha candidatura unitaria galega. Neste sentido, avogou por “explorar até o final” as posibilidades. Sobre a asamblea de Iniciativa pola Unión, que tivo lugar onte en Compostela, Vence salientou que foi “un punto de inflexión importante para traballar por unha candidatura galega de unidade”.

O portavoz nacional do Bloque, que insistiu en expresar o desexo de que se faga realidade unha candidatura galega o máis ampla posíbel, así como un grupo parlamentar galego, amosouse crítico co preacordo adoptado entre Anova, Esquerda Unida e Podemos de cara aos comicios xerais.

Comentarios