Para Vence, a fórmula de candidatura de Podemos é “o contrario” do que precisa Galiza

O portavoz do BNG considera que o esquema de primarias do partido de Pablo Iglesias non acae co pulo por unha candidatura de unidade decidida en Galiza e co compromiso de ter grupo parlamentar propio

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

 

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, entende que unha candidatura de unidade galega cara ás elecccións xerais pasa polo compromiso de contar con “personalidade xurídica propia” e grupo parlamentar nas Cortes españolas, cuestións que, considera, “son todo o contrario ao que propón Pablo Iglesias”, segundo declaracións recollidas por EP. “os que naceron co respecto polo dereito a decidir, agora teñen unha estratexia chamativamente centralista en comparación incluso coas que había tradicionalmente no Estado”.

Vence pronunciouse deste xeito a preguntas dos xornalistas co gallo da visita que estes días está a facer a Galiza o secretario xeral de Podemos no marco do que denomina ‘A rota do cambio’. Durante a súa estancia no país, Iglesias vai manter xuntanzas e reunións con alcaldes (A Coruña, Ferrol, Compostela), dirixentes políticos como Beiras ou Yolanda Díaz; e participarán en actos políticos.

O portavoz do BNG reiterou que Galiza “precisa unha candidatura unitaria que permita unha representación dos intereses do país no Congreso”, lembrando que o Bloque xa mostrou a disposición a renunicar as súas siglas “para compartir a elaboración dunha candidatura coas forzas e cidadanía que queira ter grupo propio e que responde ao que se decida en Galiza”.

Neste sentido, indicou que as propostas que se fagan desde forzas estatais “son lexítimas” mais considera que non se adecúan aos intereses de Galiza nestes momentos.

Comentarios