A PROL DUN BNG SEN ESTRUTURAS INTERNAS

Vence avoga por “repensar” o proxecto nacionalista e por ir en coligazón coa marea

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, puxo de manifesto este domingo nunha entrevista a súa aposta en “repensar” o proxecto nacionalista. Ademais de declararse partidario de concorrer ás eleccións galegas en coligazón coa marea, avogou por un BNG sen estruturas internas.

Vence 17 M, Día das Letras Galegas 2015
photo_camera No centro, Vence

Nunha entrevista concedida á Cadena Ser, Xavier Vence sinalou que “é necesario repensar totalmente a forma do proxecto político nacionalista. Este país precisa un proxecto nacionalistam pero a forma concreta, á vista dos resultados, está claro que hai que repensala”. “Creo que ten que haber unha renovación do discurso, unha redefinición da estratexia do BNG na asemblea e unha redefinición clara dunha política de alianzas electorais para fortalecer o proxecto. E ten que haber unha nova equipa que se poña a fronte”, expresou.

Vence quere unha organización "sen estruturas internas que condicionen os proceso de decisión"

Nesta liña, Vence apostou nunha organización “máis aberta”, aínda que admitiu que o BNG “xa é moi aberto”, mais “sen estruturas internas que condicionen os proceso de decisión e cunha máis fácil conexión e máis amábel para a integración da xente nova que busca formas de participación diferentes”. O portavoz do Bloque avogou por "repensar" o sistema de organización por partidos no seo do BNG así como por renovar os órganos non só a nivel nacional, senón a nivel comarcal e local.

“Eu creo que é necesaria unha refundación no sentido de construír unha organización diferente, pero tamén é necesario repensar o discurso. O discurso nacionalista ten que conectar coas necesidades e as urxencias perentorias da xente nova”, afirmou, “e tamén coa xente urbana que non fala galego”.

Coligazón electoral

Preguntado pola confluencia coa marea, afirmou que “hai que apostar en sumar todas as forzas posíbeis para dar ese cambio e poder derrotar o PP. A miña aposta é que se busquen e se exploren todas as formas posíbeis de colaborar dentro dun marco de puntos mínimos compatíbeis para sermos capaces de presentarlle ao electorado unha coligazón preelectoral onde a pata nacionalista estea claramente presente e definida e onde o discurso nacionalista estea definido”. “Será a militancia en conxunto cal é a aposta do BNG”, engadiu.

"O BNG vai ser capaz de reaccionar e de tomar decisións valentes para ter unha presenza significativa do nacionalismo no Parlamento"

O dirixente nacionalista salientou que o BNG “vai ser capaz de reaccionar e de tomar decisións valentes para ter unha presenza significativa do nacionalismo no Parlamento. A intelixencia colectiva fará que se dea coa formula para que non haxa unha presenza testemuñal, senón significativa e que o nacionalismo sexa determinante na vindeira lexislatura”. Considera que se producirán as condicións necesarias “para derrotar o PP”.

Comentarios