Vence atribúe a Podemos unha "actitude colonizadora"

“Acaba por ser un factor de división no espazo da esquerda e do nacionalismo porque vén cunha vocación arrogante de colonizar un determinado espazo político”, dixo o portavoz do BNG. 

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

O voceiro nacional do Bloque, asegurou nunha comparecencia de imprensa co gallo da convocatoria electoral do 20 de decembro que a formación liderada por Pablo Iglesias é "un factor de división" que "dificulta a candidatura de unidade" galega. Segundo Xavier Vence "o principal escollo" reside na "supeditación" de "algúns sectores" ás "imposicións" de Podemos, entre elas a insistencia en que a fórmula electoral que apoie leve a súa marca. 

Para a organización frontista Podemos estaría a procurar "reforzar o seu grupo parlamentar en Madrid" no que tildan como unha "actitude colonizadora". "Desde o BNG", dixo, "seguimos apostando por esa candidatura galega de unidade para ter un grupo parlamentario propio no Congreso que defenda os intereses de Galiza e corrixa os aspectos máis regresivos e insoportables que deixa o PP". 

"Seguimos apostando por esa candidatura galega de unidade para ter un grupo parlamentario propio no Congreso"

Doutra banda, Vence valorou os 4 anos de lexislatura que fecharon esta segunda feira coa convocatoria das eleccións ás Cortes españolas como un período "desastroso" marcado polo recorte de servizos e liberdades, a pobreza laboral, a recentralización, a corrupción e o resgate da banca “podre”.

Fronte a isto, o voceiro do BNG asegurou que os comicios do 20 de decembro son "chaves" para "reverter a situación" e defendeu o obxectivo de conseguir un "grupo parlamentar propio" para Galiza que "defenda os intereses de Galiza e corrixa os aspectos máis regresivos e insoportables que deixa o PP". 

Neste senso, desde a organización frontista puxeron en valor o traballo desenvolvido no mardo de Iniciativa pola Unión. Un espazo que continúa a traballar a prol dunha candidatura de ampla base social para dar a Galiza voz soberana en Madrid. 

Comentarios