MUNICIPAIS2015

Vence aposta pola cooperación entre concellos fronte á "visión cantonalista do PP”

O portavoz nacional do BNG-Asambleas Abertas definiu esta proposta como unha das chaves do proxecto nacionalista cara os comicios municipais do 24 de maio.

 Vence no mitin de Ponteareas
photo_camera Vence no mitin de Ponteareas


Municipalismo cooperativo fronte á visión cantonalista do PP. O portavoz nacional do BNG-Asambleas Abertas, Xavier Vence, anunciou esta proposta como unha das chaves do proxecto nacionalista cara os comicios municipais do 24 de maio. 

“Os concellos cooperando teñen moitas oportunidades de mellorar as condicións de vida dos seus veciños e veciñas” e “teñen un instrumento para dinamizar o territorio, reforzar a capacidade económica e de emprego e aproveitar as infraestruturas públicas de servizos básicos”, explicou Vence nun acto en Ourense.

Nese sentido, o BNG local presentou unha iniciativa de transporte metropolitano entre a capital das Burgas e os doce concellos que conforman a comarca ourensá. “Este é un exemplo concreto desta aposta do BNG pola cooperación municipal a favor da xente, da que se beneficiarían 140.000 persoas”, subliñou o voceiro nacional.

O candidato en Ponteareas renunciará o soldo de alcalde

Unha cooperación que se articularía a través de áreas funcionais de carácter comarcal e que, segundo Vence, está nas antípodas da visión cantonalista do PP, que concibe os concellos como ferramenta de dominio do territorio”.

O portavoz nacional pechou a xornada electoral do sábado participando do mitin do BNG-Asambleas Abertas en Ponteareas. O candidato nacionalista á Alcaldía, Xosé Represas, anunciou que renunciará ao soldo de alcalde e o destinará a subvencionar a creación de emprego e postos de traballo para pequenas empresas e comerciantes. 

Comentarios