mércores 08.04.2020
NON VE A CARMELA SILVA ADECUADA PARA A DEPUTACIóN DE PONTEVEDRA

Vence aposta nunha candidatura galega “non subordinada”

O portavoz nacional do BNG afirma que o obxectivo será “ter grupo propio para defender os intereses de Galiza”. Asegura que están abertos a pactos nas deputacións e concellos con todas as forzas agás co PP.

(Foto: BNG)
(Foto: BNG)


O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, aposta por unha candidatura galega “non subordinada a outros grupos” e que aspire a “ter grupo propio para defender os intereses de Galiza”. Así o manifestou preguntado na Radio Galega sobre un hipotético acordo con forzas como Izquierda Unida ou Anova.

Vence explicou que a proposta busca sumar "sen vetar a ninguén”, mais considerou que “cómpre pensar en parámetros galegos para ter unha representación potente”, así como “para participar dunha eventual reforma do Estado en igualdade de forzas”. Dixo que malia existir posicións próximas desde a esquerda, o proxecto que debaten nas asembleas “está centrado no país” 

Sobre a posible negativa de Anova a sumarse esta estratexia -e cuxo homólogo Xosé Manuel Beiras ten mañá unha reunión co líder de Izquierda Unida Alberto Garzón- o portavoz nacional do BNG manifestou que non ten constancia de tal rexeitamento. Acerca de posíbeis candidatos, entre eles preguntado por Anxo Quintana, respondeu que “non está polo momento na mesa” e que as persoas que conformen as candidaturas “serán o último que se debata”. 

O voceiro dos nacionalistas valorou que se abre “un novo escenario” político onde o BNG debe “resituarse” sen renunciar ao seu discurso. “Temos que frear o desmantelamento do autogoberno que promulga o PP central e asume Feijóo”, aseverou Vence, que acusou ao presidente dos populares galegos de estar máis centrado “nunha estratexia persoal para colocarse a nivel de Estado”.

Pactos en deputacións e concellos, agás co PP

O portavoz nacional da organización frontista quixo dar por rematadas as especulacións dun pacto co PP na Deputación de Pontevedra. “Dixémolo por activa e por pasiva. Nós non temos espazos de encontro co PP”, afirmou sobre a oferta de Rafael Louzán, que comparou con Esperanza Aguirre “tratando de enredar para non deixar o poder”.

"Nós non temos espazos de encontro co PP”, aseverou Vence sobre a oferta de Louzán.

Vence deixou aberta a porta a pactos co PSOE nas Deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo sempre que haxa acordos para “reformar a fondo o seu papel”. Porén, considerou que a elección de Carmela Silva, número dous do PSOE en Vigo, non é a máis acaída para ocupar a presidencia. “Pero ese non é o tema central”, matizou, e engadiu que o pacto queda supeditado a acordar “un plan estratéxico para os próximos catro anos”.

Sobre a posición nos concellos das cidades, o portavoz dos nacionalistas recoñeceu que non terán un papel determinante. Reafirmou que apoiaran a investidura de novos gobernos e estudarán a participación en cada caso. En casos como Vigo, onde perdeu a representación, valorou a apertura do diálogo coa base social para reflexionar sobre o futuro. Puxo en valor os resultados de Pontevedra e descartou dimisións como a de Xosé Manuel Carril, que cualificou de “decisión persoal” pese a "que non foi responsable" dos resultados.

comentarios