venres 14/08/20

Vence acusa Feijóo de avalar o presunto carreto de votos en Riotorto

O portavoz nacional do BNG sinalou que “esta é a maneira que ten de entender a democracia”, en relación a visita do presidente ao municipio lucense, logo da denuncia da formación nacionalista.

Vence, mitin Allariz
Vence, mitin Allariz


O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acusou este sábado ao presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, de avalar co seu apoio “un presunto delito electoral”, en relación a denuncia presentada polo BNG de Riotorto perante o carreto de votos de persoas con demencia por parte de responsables populares no municipio lucense. 

“Pregúntolle ao Sr. Feijóo se foi a Riotorto a supervisar o carrexo de votos do PP, carrexo de votos que afecta a persoas maiores con minusvalía. Esta é a maneira que ten o presidente do PP de entender a democracia, facéndose cómplice dun presunto delito electoral”, manifestou Vence durante un mitin en Allariz, despois de que o presidente da Xunta acudirá este sábado a un mitin do PP en Riotorto. 

"Allariz é a proba de que hai alternativa ás políticas fracasadas e caciquís do PP", manifestou Vence.

O voceiro do BNG destacou a xestión en Allariz –onde goberna a fronte nacionalista desde hai 25 anos- como o exemplo a seguir para o resto de candidaturas. “Allariz é a proba irrefutable de que en Ourense hai alternativa ás políticas fracasadas e caciquís do PP que tan ben representa o clan Baltar, consentidas por Feijóo a cambio dos votos”.

Vence subliñou o modelo do concello ourensán, “un modelo que implantamos alí onde gobernamos”, baseado en políticas de benestar, de servizos públicos de calidade, nun urbanismo responsable e a capacidade para impulsar o tecido económico local.

O dirixente nacionalista salientou que o 24M Galiza “ten a oportunidade de lanzar unha mensaxe clara contra ás políticas do PP”, dixo, instando a “quitar do medio o que representa un Feijóo sempre submiso a Madrid e as grandes empresas madrileñas, aplicando políticas que esnaquizan os nosos sectores produtivos, recortan servizos públicos e provocan a emigración masiva da nosa xuventude”.

Vence acusa Feijóo de avalar o presunto carreto de votos en Riotorto
comentarios