Veciñanza de Verín tras o anuncio de Feixoo: “Manteremos as nosas reivindicacións até que o paridoiro reabra”

O presidente da Xunta anunciou a convocatoria de dúas prazas de pediatría para o Hospital de Verín esta quinta feira. De cubrirse, o Goberno valorará a reapertura do paridoiro e das urxencias pediátricas, cuxo peche o 1 de decembro foi o detonante de protestas e manifestacións na comarca. A plataforma en defensa da sanidade pública de Monterrei valora o anuncio, pero mantén o peche no hospital. A oposición acusa Feixoo de condicionar a apertura a unha oferta de emprego temporal que en xuño ficou deserta.
Mobilización na vila de Verín o 30 de novembro en protesta polo peche do paridoiro e das urxencias pediátricas (Imaxe: Europa Press)
photo_camera Mobilización na vila de Verín o 30 de novembro en protesta polo peche do paridoiro e das urxencias pediátricas (Imaxe: Europa Press)

Esta quinta feira o Diario Oficial de Galiza anunciou a convocatoria de dúas prazas de pediatría temporais na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. O presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixoo, abriu así a porta a unha “reapertura” do paridoiro e do servizo de urxencias pediátricas do Hospital de Verín. “É unha boa noticia, pero ata que non comprobemos que todo volve a como estaba antes do 1 de decembro seguiremos co peche”, afirma a integrante da Plataforma en defensa da sanidade pública da comarca de Monterrei, Aurora Solas en declaracións a Sermos Galiza.

Desde a comunicación da clausura do servizo, que se fixo efectivo o 1 de decembro, sucedéronse as concentracións e mobilizacións de veciñanza, profesionais sanitarias e colectivos feministas. “O Goberno xustificouno debido ao baixo número de nacementos e problemas de seguridade, que ligou a un descenso na calidade de atención das profesionais debida a un baixo volume de traballo. “Foi unha decisión sanitaria, proposta por xinecólogos e pediatras do hospital de referencia (o da cidade de Ourense)”, defendeu Feixoo nunha rolda de prensa posterior ao reunión do Consello da Galiza. “Agora volvemos sacar as prazas de pediatría e, se se cobren, volveremos analizar a reapertura do servizo”, declarou.

“O paridoiro evidentemente non se abre se non hai pediatras”, di Aurora Solas, “pero esa situación tíñana que ter previsto moito antes. Facía máis dun ano que o comité de empresa advertira da xubilación do pediatra de servizo, pedindo a convocatoria de prazas, e a administración fixo caso omiso. Ademais, os pediatras de Ourense non queren desprazarse até Verín, aínda que sexa obrigatorio por eli. Teñen que asumir a consecuencia da súa lexislación”. “Esta noite unha muller deu a luz en Verín porque non puido ser trasladada a Ourense, o parto era inminente. Practicamente quitáronlle ao bebé tras nacer, é unha situación inasumíbel”, denunciou Solas.

A voceira da platagorma valora, con todo, as verbas do presidente da Xunta, mais afirma que tanto o peche como a manifestación prevista para o 17 de decembro ante o Parlamento da Galiza seguen en pé. “Manteremos as nosas reivindicacións até que o paridoiro abra, agora mesmo hai catro ou cinco autobuses reservados e a xente sigue apuntándose”, celebra. “A sociedade desta comarca é a que conseguirá que reabra o paridoiro, o apoio á plataforma na defensa da sanidade pública foi masiva”, remacha a representante da plataforma.

Medida insuficiente

Os partidos políticos da oposición cuestionaron o cambio de rumbo de Feixoo e unha medida que tachan de insuficiente. O peche do paridoiro pairara durante toda esta semana sobre a actividade parlamentar. Os catro grupos incluíron puntos na orde do día da Xunta de Portavoces e, tanto o Grupo Común de Esquerda como BNG ou o Grupo Mixto, avanzaron a presentación de proposicións ao respecto no vindeiro pleno.

En Verín, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu durante unha visita de apoio ao Hospital que a decisión da Xunta si “é unha decisión política”, e afirmou que os motivos de seguridade que alega Feixoo “non son críbeis”. Antón Sánchez, do Grupo Común de Esquerda, valorou que a “presión social” obrigase ao Goberno a recuar. “Neste país se non hai pediatras, médicos suficientes, é por anos de precarización da profesión e por fallos na planificación”, responde a Sermos Galiza. “O máis relevante é que recoñece que non é unha cuestión de seguridade, senón da política laboral da Xunta”, salienta a deputada do BNG Noa Presas en declaracións a este medio.

Con todo, Presas critica que as prazas convocadas no DOG “son as mesmas que convocou a Xunta de Galiza en xuño e que quedaron desertas”. “En vez de repetir a convocatoria deberían ofrecer condicións estábeis, non traballos temporais. Teñen que mellorar a carreira profesional, ofrecer incentivos ás profesionais sanitarias”, reclama. “Nunha rolda de prensa o voceiro do Grupo Mixto, Luís Villares, reclamou á Xunta que rectifique. “A decisión do peche paridoiro de Verín, é inmoral e inhumana, prexudica a saúde das mulleres e as crianzas para favorecer aos ricos”, declarou.

Comentarios