Pachi Vázquez négase a demitir e sinala o Concello do Carballiño como responsábel da súa imputación

O deputado socialista e ex-secretario xeral do PSdeG di que “na guerra política non todo val”.

Pachi Vázquez, candidato do PSdeG-PSOE

Pachi Vázquez acusa o Concello do Carballiño de “ocultar todo, voluntaria ou involuntariamente” en relación ás 37 contratacións que el fixo cando era alcalde da localidade ourensá e que levaron ao proceso do TSXG contra o ex-secretario xeral do PSdeG. Vázquez afirmou nunha comparecencia ante a prensa que vai presentar documentos que acreditarían que eses contratos que se investigan fixéronse en base ao procedemento legal. O auto xudicial indica que se lle procesa como presunto autor dun delito continuado de prevaricación por contratar “sen un mínimo expediente, sen publicidade algunha e sen unha mínima acreditación de mérito e capacidade”.

Mais Vázquez, que se amosou indignado por ter que dar conta duns expedientes de hai máis de 20 anos, culpou directamente o Concello de O Carballiño de "ocultar" dados e incluso de falsear as datas de contratación. "Respecto a xustiza e respecto a proposta de Fiscalía mais non a partillo porque está baseada en dados que non son reais, e en documentos que voluntaria ou involuntariamente o Concello de O Carballiño non está remitindo", denunciou.

O ex-rexedor sinalou que non está disposto a dimitir, mais anunciou que renunciaría ao escano e cumpriría co código ético do PSdeG en case de se abrir xuízo oral contra el.

Comentarios