E van 13: nova petición do soberanismo galego, vasco e catalán para que no Congreso se investigue Juan Carlos I

BNG, ERC, Junts,  PDeCAt, EH  Bildu, e a CUP contan co apoio nesta proposta de Más País e Compromís

As forzas soberanistas nunha comparecencia no Congreso. (Foto: Europa Press)
photo_camera As forzas soberanistas nunha imaxe de arquivo dunha comparecencia no Congreso. (Foto: Europa Press)

As formacións soberanistas no Congreso español, canda Máis País-Equo e Compromís, rexistraron unha nova petición para que a Cámara cre unha comisión de investigación sobre os supostos negocios irregulares de Juan Carlos de Borbón. É a décimo terceira iniciativa neste sentido nun ano.

Que o Congreso español investigue os supostos negocios irregulares do rei emérito é a petición que realizaron as forzas soberanistas na Cámara, xunto a Máis País e  Compromís.

Esta iniciativa, a décimo terceira que se presenta en pouco máis dun ano sobre as actividades de Juan Carlos de Borbón, leva as firmas de BNG, ERC, Junts,  PDeCAt, EH  Bildu, a  CUP, máis as formacións de Iñigo  Errejón e Joan  Baldoví, e expón en concreto que se abran investigacións sobre as supostas actuacións irregularidades de “membros da Casa Real e as influencias políticas, diplomáticas e comerciais con Arabia Saudita”.

A Mesa do Congreso, cos votos de PSOE, PP e  Vox, veu rexeitando a tramitación de todas as iniciativas destinadas a investigar as actividades do pai de Felipe VI, alegando que a Cámara non pode exercer o control sobre o xefe do Estado e que a súa figura é “inviolábel”, segundo a constitución española.

En total, xa se presentaron unha ducia de peticións de comisións de investigación relacionadas co rei emérito, nalgúns casos coa sinatura de Unidas Podemos, que sempre ficou soa apoiando a súa tramitación no órgano de Goberno da Cámara.

Mais as formacións asinantes da nova iniciativa volven insistir na necesidade de que o Congreso tente aclarar as irregularidades nas que puidese incorrer o rei emérito, tendo en conta de que, aducen, as informacións sobre eses “presuntos escándalos”, non cesan.

Así, demandan que se aclaren en sede parlamentaria non só esas supostas irregularidades, senón tamén os “cómplices” das mesmas, o destino dos fondos e fluxos monetarios referidos nos rexistros do uso das chamadas ‘tarxetas  black’ e as súas posíbeis influencias na política diplomática e comercial do Estado español con Arabia Saudita.

Comentarios