O Valedor do Pobo advirte do “uso machista” do Whatsapp polos adolescentes galegos

José Julio Fernández expuxo o Informe 2014 na Comisión de peticións da Cámara. Destacou o aumento da pobreza enerxética e como despexos e cláusulas-solo abranguen as maiores queixas.

Parlamento de Galiza
photo_camera Imaxe de arquivo [Parlamento de Galiza]

O Whatsapp como un “instrumento de violencia machista” en mans de parte dos mozos galegos que o usan para “controlar” as súas parellas. Quen fai esta denuncia foi o Valedor do Pobo, José Julio Fernández. O alto comisionado considera “sorprendente” que esta aplicación se estea a usar en Galiza “nun nível inadmisíbel” para eses usos de control “machista”. “Emprégase para controlar a xove, para saber onde está, o que leva posto. Isto preocúpanos”, manifestou

O Valedor do Pobo asistiu ao Parlamento galego para expoñer na Comisión de peticións o informe relativo ao exercicio 2014. José Julio Fernández advertiu sobre os efectos que teñen os recortes en eidos como a Sanidade e lembrou que a austeridade non era un principio constitucional.

Defendeu o traballo da institución que preside ("gañamos en axilidade na xestión das queixas. O 91% admitidas en 2014 finalizaron antes de rematar o ano") e aseverou que "as administracións lentas nas súas respostas incorren nun comportamento antidemocrático". Durante 2014 aumentou nun 28%, até chegar case ás 30.000 persoas, as persoas atendidas polo Valedor do Pobo. Os asuntos tratados baixaron, porén, un 16%, até os 2.130.

O alto comisionado tamén se referiu á pobreza enerxética, destacando o seu aumento. Cualificou de "insuficientes" as "reaccións" dos poderes públicos para solucionar esta problemática.

Fernández explicou que o maior número de queixas foron as relacionadas coas cláusulas-solo e cos despexos. Das primeiras dixo que eran mostra do “abuso” das entidades financeiras e das segundas apuntou a que ningún dos desafiuzamentos que chegou ao Valedor chegou a se executar.

Comentarios