Moción de censura: Iglesias di asumir "os erros do pasado", nunha chiscadela ao PSOE

"O que vale para Catalunya tamén debe valer para o País Vasco e demais nacións históricas"

Alegato durísimo contra o PP polo dossier da corrupción, chiscadelas ao PSOE de Sánchez (sen chegar a admitir como erro o non á investidura do líder socialista) e proclamación do carácter plurinacional do Estado. Eses foron os tres eixos do discurso de Pablo Iglesias na maratoniana sesión coa que deu inicio a primeira moción de censura no Estado nas últimas tres décadas. O líder das confluencias estabeleceu unha hierarquía entre as nacións sen Estado: primeiro, Catalunya, despois o País Vasco e a seguir "as demais nacións históricas".

 

Pablo Iglesias, moción de censura. 13 de xuño de 2017
photo_camera Iglesias, durante a súa intervención

"Asumo os erros do pasado. Nos podemos equivocar. Pero non roubamos, nen damos aire aos corruptos", enfatizou Pablo Iglesias nun dos momentos cimeira do seu longuísimo discurso de 2 horas 50, 60 minutos máis dos que empregou no seu día Felipe González na primeira das mocións do actual réxime político español, a que o PSOE interpuxo contra o goberno de Adolfo Suárez (UCD).

Significa isto que Iglesias admite como erro o non de Podemos e as confluencias (En Marea entre elas) á investidura de Sánchez en marzo de 2016? Non, até aí non chegou a autocrítica. De feito, o líder da formación morada reafirmou os criterios que levaron naquel momento a bloquear o acceso do secretario xeral á Moncloa co supremo argumento de que a política económica dese goberno alternativo a ditaría Ciudadanos, "a política económica do IBEX 35".

35117503322_a991a1f708_zO maratoniano discurso de Iglesias veu precedido dun tamén larguísimo parlamento da portavoz do seu grupo, Irene Montero, quen abriu lume ao debate cunha intervención de dúas horas, máis propia dunha candidata nunha investidura do que dunha portavoz dun grupo parlamentar. Nun medido reparto de papeis, Montero castigou duramente o fígado de Rajoy coa corrupción como asunto practicamente monográfico até o ponto de perpetrar unha das intervencións máis cruas que se recordan na Carrera de San Jerónimo.

A primeira surpresa do debate deuna, porén, Rajoy, quen decidiu tomar a palabra (como presidente do goberno pódeo facer en calquer momento do trámite parlamentar) non para lle dar a réplica a Iglesias após escoitar o seu discurso, senón para contra-argumentar o speech de Montero. Rajoy utilizou as súas primeiras municións para desacreditar a moción, unha iniciativa que considera falta de toda xustificación. "Non teñen razón nen no fondo nen na forma", dixo. Para o titular do Executivo, Unidos Podemos formula a moción non para mudar nada -porque aritmeticamente non dan os números para se abrir paso-, senón para continuar a ocupar un espazo no taboleiro político.

"Nós non roubamos (...). Vostedes utilizan o medo para roubar. Pero o medo está acabando, señor Rajoy", espetoulle ao presidente do goberno Pablo Iglesias nos primeiros minutos do seu discurso, coas ondas sísmicas do combate entre o presidente do goberno e a combativa Montero aínda a abalaren o hemiciclo. Esta andanada á marxe, Iglesias esforzouse por construír un discurso de ton presidencialista, até o ponto de baixar un par de octavas o seu ton de voz, o que lle pasou certa factura en termos de perda de punch.

"Nós non roubamos (...). Vostedes utilizan o medo para roubar. Pero o medo está acabando, señor Rajoy"

No primeiro tramo do seu parlamento, Iglesias traballou tamén o flanco do hipotético encontro das esquerdas españolas. E debuxou algúns trazos da paisaxe en que sería posíbel ver Sánchez e el propio de mans dadas. Só hai unha condición para o idilio se abrir paso, que o PSOE renuncie a todo entendimento con Ciudadanos, partido retratado polo líder da formación morada como "a muleta laranxa" do PP.

35239736036_6b9476e741_z​Consciente de a moción só dispor de 82 apoios na Cámara (os propios de Unidos Podemos e as confluencias máis os de Compromís, ERC e Bildu), Iglesias quixo comparecer como o autor dunha iniciativa social e así celebrou desde a tribuna a presenza no palco de convidados do secretario xeral de CC OO e dos chamados alcaldes do cambio, entre eles o da Coruña, Xulio Ferreiro, e Ferrol, Jorge Suárez. O líder da Marea Atlántica debeu achar o discurso de Montero un chisco longo de máis e aproveitou para botar na súa tablet unha partida de candy crush, momento en que foi cazado pola colaboradora do dixital conservador OK Diario María Jamardo, ex dirixente do partido Sociedad Civil e Democracia (SCD), efémera formación que en tempos liderara Mario Conde. 

 

Denuncia da corrupción e apelos á entente co PSOE á marxe, o asunto de maior peso político da intervención de Iglesias foi sen dúbida o que cualificou como a "crise en Catalunya", isto é, a emerxencia dun bloco social favorábel xa non a revisar a relación co Estado, senón directamente á independencia.

Iglesias estabelece un ranking das nacións: primeira Catalunya, despois "País Vasco" e logo as demais, entre elas Andalucía

Nese sentido, Iglesias voltou a enfatizar con clareza os límites do terreno que el e as  confluencias pisan. Non á independencia, si a un referendo legal e vinculante, desde a consideración de que hai que "repensar a plurinacionalidade de España".

"O que vale para Catalunya", dixo, "debe valer tamén para o País Vasco e as demais nacións históricas se a maioría dos seus cidadáns e das súas organizacións o exixen", dixo nunha frase en que foi moi rechamante a omisión dun nome, Galiza, arrombado no caixón das "nacións históricas", un eufemismo que ecoa a expresión "nacionalidade histórica", o termo consagrado na Constitución de 1978.

35243398726_9a89e443d2_z​Direito a decidir, si, mais só no caso de que haxa unha suficiente demanda social en cada territorio, defendeu Iglesias, un argumento non novidoso na doutrina oficial podemita. No discurso, en todo caso, o líder de Podemos estabeleceu un podio das nacións perfeitamente hierarquizado: no caixón da medalla de ouro, Catalunya; no da prata, o "País Vasco" e no de bronce, as "demais nacións históricas".

Nesas nacións históricas estarían Galiza -o líder morado nomeouna explicitamente nunha pasaxe da súa intervención, aquela na que evocou o movimento Nunca Máis como un fenómeno social precursor do 15M-, Baleares, o País Valenciano e até Andalucía -"o mapa plurinacional non estaría completo sen Andalucía...".

Iglesias aspira ao "governo da geringonça"

Toda moción de censura implica necesariamente un programa de goberno alternativo. Na súa confección Iglesias puxo directamente os ollos en Portugal e no "governo da geringonça", o executivo en minoría de António Costa (PS) apoiado desde as bancadas da Assembleia da República por Bloco de Esquerda (a formación lusa máis homologábel a Podemos) e polo PCP. Só hai un pequeno problema. O puramente aritmético. En Portugal os números dan. No estado español, non. A suma das esquerdas de ámbito estatal deitan un resultado conxunto de 166 escanos no Congreso dos Deputados, face os 169 que reúnen PP e Ciudadanos. O desempate habería que o procurar nos asentos do PNV (5) e nos da antiga Convergència (8). Extremamente difícil tendo en conta o acordo do partido de Urkullu con Rajoy na negociación dos orzamentos e mesmo a alianza conxuntural dos de Artur Mas coa Moncloa no decreto da estiba.

Rajoy, na moción de censura de Podemos. 13 de xuño de 2017"Un goberno seu sería letal para o interese xeral", atacou Rajoy despois de Iglesias debullar algunha das políticas, basicamente de carácter keynesiano no ámbito económico, que un goberno progresista podería desenvolver desde a Moncloa. Rajoy atribuíu a Iglesias a súa "devoción pola política como espectáculo", inclinación que o incapacitaría como gobernante, ao tempo que o acusou de "querer destruír o adversario con hostigamento, destrución e revancha".

Iglesias non ficou atrás e lanzou duras invectivas a Rajoy, valla un exemplo para ilustrar o acento descualificador dos seus ataques: "O seu partido necesita unha desinfección intensa e teráa que facer desde a oposición".

Comentarios