ESPIMOS OS PROGRAMAS ELECTORAIS

Derrogación da "Lei Mordaza" si ou non?

Ninguén dubida que un dos grandes debates da lexislatura gravitou arredor dos dereitos civís. A denominada Lei Mordaza, os límites da liberdade de expresión e o trato ás persoas migrantes foron -están a ser- un dos focos da actualidade política. Velaquí as propostas dos partidos políticos.

Concentración contra a lei mordaza _ NósUP
photo_camera Concentración contra a Lei Mordaza [Imaxe: Nós-UP]

A reforma do Código Penal, a prisión permanente revisábel ou a Lei Mordaza ocuparon boa parte do debate político nunha lexislatura, a pasada, que, por vez primeira nas historia das Cortes españolas, tivo dous gobernos -PP e PSOE-. Fican sobre a mesa cuestións centrais para as que os diferentes partidos políticos teñen as súas receitas, algunhas delas comúns. O diagnóstico de situación vai por barrios, aínda que, por sintetizar, hai dous posicionamentos: o nacionalismo e a esquerda fala de involución, mentres o centro dereita mira de esguello. Debullamos as propostas en materia de dereitos civís de todos eles. 

O BNG reclama a derrogación da Lei Mordaza

O BNG cualifica o momento actual como de "forte involución antidemocrática que rebaixa aínda máis os escasos parámetros democráticos do réxime de 1978", A primeira medida que propón é a derrogación da Lei de protección da seguridade cidadá, máis coñecida como Lei Mordaza. A mesma receita, a súa derrogación, aplícalla á Lei de Amnistía aprobada na Transición respecto dos delitos de xenocidio e lesa humanidade, o que conlevaría o axuizamento das persoas que cometeron crimes contra a vida e a dignidade das persoas. Nesa liña, avoga pola recuperación do Pazo de Meirás e de todos os bens espoliados por Franco e a súa familia. Tamén reclama a derrogación da prisión permanente revisábel por considerala unha "forma de manter a cadea perpetua". Esixe tamén o traslado a Galiza das galegas e galegos que cumpren penas noutros territorios do Estado. 

A primeira medida que propón é a derrogación da Lei Mordaza

Ademais, o BNG demanda un impulso á participación directa a través de consultas populares e posibilitar a convocatoria de referendos vinculantes en asuntos de interese, incluído o dereito de autodeterminación. Tamén pide a revogación do Concordato coa Igrexa católica para "implantar a laicidade real no Estado". Esta medida esténtese aos eidos do ensino (supresión da materia de Relixión no ensino obrigatorio e supresión paulatina dos concertos educativos) ou sanidade (eliminando os fondos para a presenza de representantes relixiosos nos hospitais públicos), entre outros. 

O BNG demanda un impulso á participación directa a través de consultas populares

No que respecta ao colectivo LGBT, o BNG avoga pola supresión das subvencións a organizacións que teñen como obxectivo a negación e a vulneración dos dereitos das persoas LGBT, a prohibición total das chamadas "terapias de conversión" ou a creación dun servizo de igualdade de xénero e diversidade sexual en todos os centros de ensino. A organización nacionalista tamén propón regular o dereito a unha morte digna, despenalizando a eutanasia e o suicidio médico asistido. 

En Común-Unidas Podemos inclúe o recoñecemento da eutanasia para "toda persoa que padeza un sufrimento irreversíbel" 

O programa de En Común-Unidas Podemos respecto dos dereitos civís inclúe o recoñecemento da eutanasia para "toda persoa que padeza un sufrimento irreversíbel", así como garantías para as e os profesionais que as asistan. Pide tamén a reforma do artigo 49 da Constitución española para eliminar a referencia de "diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos" e a prohibición da esterilización de mulleres e nenas con diversidade funcional. Esixe a derrogación da Lei Mordaza e dos artigos do Código Penal que "criminalizan as nosas liberdades", como é o caso das de expresión, opinión, liberdade de opinión ou dereito á folga. 

Propón flexibilizar os procesos de reagrupamento familiar das persoas migrantes

Avoga tamén polo recoñecemento da nacionalidade española ás persoas descendentes de proxenitores nadas no estranxeiro en calquera momento. Ademais, propón flexibilizar os procesos de reagrupamento familiar das persoas migrantes e derrogar a Lei orgánica 4/2000 sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España. Impulsará tamén unha lei de asilo e o peche dos Centros de Internamento de Estranxeiros (os CIEs), outra pola igualdade de trato e o fomento da convivencia e tamén contra a trata de persoas. Tamén reclama o achegamento a Galiza das persoas que estean a cumprir condena fóra do país ou a transferencia de competencias a Galiza da sanidade penitenciaria "para mellorar a súa eficacia". 

En Marea: Suprimir os deliltos de inxurias á Coroa a aos corpos policiais

Propón tamén a derrogación da Lei de Protección da Seguridade Cidadá, a regulación do dereito de reunión e manifestación como dereito “non de regulación legal”, con posibilidade de exercelo sen comunicación previa en concentracións que non demanden medidas de seguranza ou de regulación do tráfico. Pide a supresión do artigo 315.3 do Código Penal que criminaliza os piquetes e a modificación das infraccións e sancións da Lei do Deporte, redefinindo o concepto de “conduta violenta” do seu artigo 2 a fin de evitar que esta ampla definición inclúa calquera tipo de comportamento. 

En Marea tamén quere a derrogación da Lei de Estranxeiría e o establecemento de procesos de regularización ordinaria

En Marea tamén quere a derrogación da Lei de Estranxeiría e o establecemento de procesos de regularización ordinaria. Ademais, pide o peche dos Centros de Internamento de Estranxeiros. Regulará o carácter excepcional da sanción de expulsión e nunca cando a persoa acreditar 18 meses de estadía (regular ou irregular) no territorio do Estado.

Para esta organización, é prioritaria a reforma da política penitenciaria, derrogando o réxime pechado, a prisión permanente revisábel, e reclamando a integración da sanidade penitenciaria no sistema nacional de saúde. Tamén pretende pórlle fin á relación laboral especial penitenciaria para a súa inclusión como relación laboral ordinaria, sometida ao convenio da actividade.

Tamén avoga pola eliminación das competencias penais da Audiencia Nacional, agás as correspondentes aos supostos de xurisdición extraterritorial, e pola supresión do delito de apoloxía e enaltecemento do terrorismo. Eliminará os delitos de inxurias á Coroa e aos corpos e forzas de seguridade do Estado e de enaltecemento do terrorismo. Por outra parte, regulará o delito de odio conforme ás directrices do Consello de Europa.

En Marea apostará polo reforzamento do carácter laico do Estado e, ademais, pola derrogación do delito contra os sentimentos relixiosos (artigo 525 do CP). Suprimirá tamén o financiamento público de calquera confesión relixiosa, incluídas as exencións fiscais, e despenalizará o cannabis. 

PSOE: Quere regular a eutanasia e o dereito a unha morte digna

O PSOE quere que a reforma constitucional que pretende incorpore "o recoñecemento axeitado das persoas con discapacidade e os seus dereitos". Impulsará unha "Carta de Dereitos Dixitais" e unha estratexia para a loita contra a desinformación. Ademais, aprobará unha lei para regular a eutanasia e a morte digna e outra sobre liberdade de consciencia. Tamén comprométese a aprobar unha nova lei de seguridade que substitúa a Lei Mordaza porque considera que "é posíbel maior liberdade con maior seguridade". Comprométese a dar un novo pulo á Lei de Memoria Histórica, co obxectivo de que esta se convirta nunha "política de Estado", 

Compromiso por Galicia: Rexeitamento á prisión permanente revisábel

Compromiso por Galicia tamén consideera urxente a derrogación da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá para "frear a involución en canto a igualdade e dereitos cidadáns" e o desenvolvemento de políticas de reinserción das persoas presas que "de facto se exclúen no sistema actual". No caso da eutanasia, considera que para a súa despenalización "haberán de establecerse con absoluta claridade as condicións concretas". Pide tamén plena aplicación e financiamento da Lei de Memoria Histórica; a loita contra a pena de morte, a defensa xurídica para as persoas de nacionalidade española condenadas a tal pena e a aprobación dunha lei contra o tráfico de persoas e para a protección dos dereitos humanos das vítimas. Rexeita a prisión permanente revisábel por considerala unha forma de cadea perpetua encuberta e avoga por garantir os dereitos das persoas migrantes, aplicando "alternativas á privación de liberdade nos CIEs e promover unha investigación exhaustiva sobre as denuncias de malos tratos neles. Tamén quere garantir o principio de non devolución nos procesos de expulsión e unhas condicións de acollida dignas das persoas refuxiadas e solicitantes de asilo.

PP: Ampliar os supostos de prisión permanente revisábel e "reforzar as fronteiras"

O Partido Popular comprométese a "apoiar a cooperación coas entidades que axudan a rescatar persoas da explotación sexual", Ademais, aposta por "reforzar as fronteiras" diante da inmigración. En concreto, asegura que a "prioridade" de loitar contra as mafias de inmigración ilegal basearase na cooperación cos países de orixe e no "rexeitamento en fronteira". Comprométese asimesmo a ampliar os tratados internacionais de "retorno e expulsión de inmigrantes irregulares". Nese marco, o PP elaborará un plan especial que contemple "especialmentea mellora dos medios a disposición das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en Ceuta e Melilla e a costa de Andalucía". Si amosa máis preocupación polos venezolanos e venezolanas. Así, aprobará un estatuto de protección temporal para eles, concedéndolles un permiso de residencia temporal, desprazamento libre polo territorio e un permiso de traballo. Comprométese tamén o PP a "reforzar a persecución contra as condutas de odio, racismo, xenofobia, antisemitismo ou calquera outra actividade violenta, sexa no espazo que for". Manterá a política penintenciaria e reformará o Código Penal para a persecución dos actos de homenaxe e exaltación dos terroristas. Modificará a lei penitenciaria, no seu artigo 72.6 para que o acceso a un novo grao esixa non só renegar da violencia,senón a colaboración efectiva para clarexar os crimes "aínda impunes". Quere reformar tamén o Código Penal para ampliar os supostos de prisión permanente revisábel (asasinatos nos que o autor obstrúa a recuperación do corpo da vítima; asasinato tras secuestro, mortes causadas por incendios ou liberación de produtos químicos ou biolóxicos, por exemplo; asasinato no que concorran algúns supostos de violencia de xénero acreditada, e violadores reincidentes). Tamén quere reformar o CP para abolir a práctica das esterilizacións involuntarias das persoas con discapacidade.

Ciudadanos: declaración de intencións sen medidas concretas

O decálogo de compromisos de Ciudadanos apenas toca os dereitos civís. O documento fala de "defender a plena inclusión das persoas con discapacidade", sen dar moitos máis detalles, así como de "conseguir a igualdade real entre mulleres e homes" e "protexer os dereitos das persoas LGTBI". 

Comentarios