"NINGUéN NOS VAI SALVAR NIN A NóS NIN A GALICIA"

Vai collendo forma a “Revolta cívica por Galicia” que impulsa Anxo Quintana

O retorno de Anxo Quintana, ex portavoz nacional e ex vicepresidente da Xunta de Galiza, ao escenario público está a piques de se consumar. 

anxo quintana 340

De acordo cunha información publicada esta terza feira por Faro de Vigo e que leva a asinatura do xornalista Daniel Domínguez, a plataforma Revolta Cívica por Galicia está a piques de se apresentar na sociedade. Faríao presumibelmente en Febreiro, con Anxo Quintana, ex portavoz nacional e ex vicepresidente da Xunta de Galiza, como principal impulsor.

“Ninguén nos vai salvar nin a nós nin a Galicia”, dise no rascuño de manifesto dunha iniciativa que non tenciona suplantar a ningunha forza política e que se perfila como unha sorte de think tank nacionalista, mais tamén como plaforma cívica vocacionada para a acción social, ao estilo da Assemblea Nacional Catalana, un dos indiscutíbeis alicerces do proceso soberanista no Principat.

Sería unha plataforma vocacionada para o encontro do nacionalismo e o galeguismo e, portanto, suprapartidaria

O propósito básico da Revolta Cívica por Galicia sería impedir que o país ficase excluído nun “novo tempo” que no Estado podería mesmo ser até constituínte, após a irrupción de marcas como Podemos, a forza do soberanismo en Catalunya e en Euskal Herria e o declinio imparábel do bipardismo español.

A plataforma tamén tencionaría “cambiar o país e facer país de forma ética, transparente e participativa” e facelo desde coordenadas galegas, sen importar fórmulas alleas e inspirándose en experiencias históricas de movimentos xerados na Galiza como as Irmandades da Fala ou Nunca Máis.

Sería unha plataforma vocacionada para o encontro do nacionalismo e o galeguismo e, portanto, suprapartidaria: “A participación e a acción política hoxe xa non están nen poden estar limitadas á militancia partidaria por importante que esta sexa”, pódese ler no manifesto.

Comentarios