Os vacinódromos abrirán na Galiza o 19 de novembro

O subcomité clínico reúnese esta sexta feira pola evolución negativa da pandemia. Á vista da evolución epidemiolóxica, dáse por feito que a Galiza superará os mil casos activos nesta semana. No subcomité clínico analizarase a posibilidade de exixir pasaporte Covid-19 para acceder a determinadas instalacións e eventos.
Puntos de vacinación masiva no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no pasado mes de marzo (Foto: Europa Press)
photo_camera Puntos de vacinación masiva no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) no pasado mes de marzo (Foto: Europa Press)

Os vacinódromos reabrirán as súas portas na Galiza o vindeiro 19 de novembro para administrar as terceiras doses da inxección contra a Covid-19 á poboación menor de 80 anos (os maiores de 80 xa están a recibir a terceira vacina). Tres días antes, 16 de novembro, iniciará a inmunización das máis de 122.700 galegas e galegos que recibiron a solución de Janssen, que nun principio se anunciara como monodose. 

Nos vacinódromos citarase en primeiro lugar a poboación de 70 a 79 anos. Aliás, hai 6% da poboación galega sen vacinar. "Sería bo para eles e para o conxunto da poboación" que esa porcentaxe diminuíse, dixo este 11 de novembro o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego. 

O orzamento de Sanidade non prevía vacinódromos

O anuncio do presidente entra en contradición coa argumentación dada o pasado 20 de outubro polo conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, a respecto da falta de incremento do orzamento de Sanidade para 2022 (con 4.588 millóns de euros, Sanidade fica practicamente na mesma cifra que no orzamento de 2021: 4.587 millóns).

Corgos escudara o non aumento das partidas sanitarias explicando que en 2022 non farían falla "vacinódromos nin reforzo en UCI". 

Pasaporte Covid-19

Feixoo adiantou que esta sexta feira reunirá o subcomité clínico que asesora a Xunta na xestión da pandemia, co obxectivo de analizar se adoptan novas medidas dada a evolución negativa rexistrada da Covid-19 na Galiza nos últimos días. Á vista da evolución epidemiolóxica, Feixoo deu por feito que a Galiza superará os mil casos activos nesta semana. No subcomité clínico, dixo, analizarase tamén "a posibilidade de exixir pasaporte Covid-19 para acceder a determinadas instalacións e eventos".

Unha das cuestións "máis maduras" que, segundo o presidente galego, están sobre a mesa é pedir este pasaporte a quen realice visitas ás plantas de hospitalización.

Feixoo insta Sánchez a manter a reforma laboral

Na rolda de prensa, Feixoo tamén informou de que enviou unha carta ao xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, en que remarcou a súa preocupación ante o incremento do prezo da enerxía e a escaseza e encarecemento das subministracións. Nese sentido, emprazouno a "aprazar o incremento xeneralizado da presión fiscal ou a modificación da reforma laboral (aprobada no seu día polo PP)".

Nese escenario, avanzou que o desabastecemento, o incremento do prezo da enerxía e a situación da industria galega (en concreto Alcoa e Vestas) serán cuestións nas que fará fincapé na reunión que na segunda feira manterá en Madrid coa ministra de Industria, Reyes Maroto.

Feixoo, con Ayuso

Preguntado polos medios sobre as rivalidades internas no PP, Feixoo manifestou que vería  "moi intelixente" a opción de "potenciar o ticket electoral Ayuso-Almeida", convencido de que "é o que necesita" Madrid e de que resultaría "imbatíbel". 

A semana pasada, Feixoo xa apuntara que o "habitual" no PP é que os presidentes de comunidades autónomas tamén dirixan o partido nos seus respectivos ámbitos territoriais e que sería "sorprendente" que Isabel Díaz Ayuso non optase a facelo. 

Noutra orde, na rolda de prensa tamén anunciou que o Consello da Xunta deu inicio á tramitación da Lei de arquitectura. Coa súa aprobación, a Galiza converterase no segundo territorio en tela, tras Catalunya.

Comentarios