Un V ao pé da Catedral de Compostela en apoio ao referendo catalán

'Galiza con Catalunya. Pola democracia e o dereito a decidir’ foi o lema que presidiu o V humano formado na Praza da Quintana para mostrar a solidariedade co proceso catalán.

Vquintana

Estelades e bandeiras nacionalistas galegas, camisolas vermellas e amarelas para formar as cores da senyera, mais tamén camisolas da selección galega ou contra a represión sindical. Un mosaico de cores deu forma na Praza da Quintana de Compostela a un V humano formado ao pé da catedral para mostrar o apoio ao referendo catalán.

Convocada pola plataforma ‘Galiza con Catalunya’, a iniciativa decorreu pouco despois de rematar en Barcelona a xigantesca manifestación de 1.800.000 persoas que formaron un V para reivindicar o dereito a votar o 9N.

Máis dun cento de persoas tomaron parte nesta acción simbólica. “Queremos transmitir a nosa solidariedade co pobo catalán e o noso apoio perante os entraves de todo tipo (xurídicos, políticos, mediáticos, policiais) que interpón o Estado Español. En particular, manifestamos o noso apoio expreso á celebración da consulta de 9 de novembro e o noso rexeitamento á prohibición da voz do pobo”, sinálase no manifesto da plataforma convocante do acto.

Foto capa: Óscar Ínsua. Foto interior: ANC-Galiza

Comentarios