Entrevistamos Francisco García, candidato do BNG ao Congreso por Ourense

"É perceptíbel unha corrente de simpatía polo BNG"

Francisco García (Allariz, 1957) foi a aposta do BNG para o 10-N pola circunscrición de Ourense. García, tras participar da revolta veciñal do 89 na súa vila natal e acompañar a Anxo Quintana no Goberno local, foi alcalde durante anos na vila na que naceu. En 2018 decidiu ceder o bastón de mando e hoxe concorre ás súas primeiras eleccións ao Congreso por unha circunscrición cuxas fortalezas coñece de primeira man.
Fransico García, candidato do BNG por Ourense ao Congreso [Imaxe: BNG]
photo_camera Francisco García, candidato do BNG por Ourense ao Congreso [Imaxe: BNG]

Como afronta a campaña nunha circunscrición na que o BNG nunca logrou acadar escanos?

As eleccións sempre son unha boa oportunidade para falar de política, para presentar as alternativas que o Bloque Nacionalista Galego defende de cara a melloraras condicións de vida dos nosos cidadáns e defender os intereses de Galiza, nesta ocasión mesturada cun certo cansazo pola irresponsabilidade das forzas políticas estatais á hora de xestionar os resultados electorais. Mais temos ánimos para chegar a moitos sectores, escoitar as súas preocupacións e dar pasos adiante na perspectiva do asentamento do nacionalismo na nosa provincia, na que contamos con exemplos positivos da súa alza nas últimas eleccións locais e estatais.

Na presentación da súa candidatura afirmou que percibía “ventos de cambio”.

Non deixa de ser un elemento a ter en conta que por primeira vez a Deputación de Ourense non teña unha maioría absoluta do Partido Popular e que a única alcaldía que obtiveran nas vilas fose Ribadavia. Ligada esta circunstancia ao feito de que a conxuntura política está máis incerta, nós aspiramos a aumentar a presenza do BNG, facendo fincapé en que Galiza debe ter voz propia e que os recursos de Ourense deben poñerse en valor. Sinalando tamén as políticas bipartidistas, responsábeis deste atraso.

Teñen cabida nos medios ou nos debates de campaña propostas ou problemáticas alleas ás que marcan as forzas estatais?

As campañas teñen cada vez máis un carácter presidencialista. Nese sentido semella que a escolla é dun presidente do Goberno antes de ter en conta unha serie de escollas alternativas, nas que o BNG pode ter dificultades para aparecer. Mais é perceptíbel unha corrente de simpatía polo Bloque, así como voces que expresan que se bota de menos a presenza de Galiza a través do BNG no Congreso. Ese sentimento penso que tamén está presente á hora de guiar a opción de voto.

Os incentivos económicos polo nacemento son pouco útiles

Preséntase para representar as comarcas nas que a xuventude emigra e a media de poboación maior increméntase. Que efectos teñen as políticas natalistas nesta realidade?

Tense demostrado que os incentivos económicos polo nacemento de fillos, ou que as axudas complementarias durante un período son pouco útiles. Esas políticas deberían ir centradas na xeración de emprego, de actividade económica, cunha fiscalidade que active o comercio e a economía e que teña en conta a necesidade de discriminación positiva, na existencia de servizos públicos. E é preciso un plan global no que se encadren todas estas medidas.

O AVE é tamén un exemplo do pouco que se respecta Galiza

A maiores as comarcas contan con máis pensionistas que traballadoras, que viven coas segundas prensións máis baixas do Estado.

Son un dos sectores máis afectados pola política de recortes e a avaricia do propio sistema, que tende a ampliar este campo á iniciativa privada dos fondos bancarios. Isto fai que perdesen poder adquisitivo e únese á problemática dos emigrantes galegos retornados, tratados de xeito inxusto pola normativa relativa á fiscalidade que deben asumir. As políticas do bipartidismo cuestionaron o modelo e baleiraron os fondos das pensións.

Perto da campaña electoral saltou de novo a polémica sobre a chegada do AVE.

Faise un uso propagandístico do AVE para ocultar que se eliminan servizos de proximidade. Co AVE produciuse unha especie de “Benvido Mr. Marshall” e unha expectativa excesiva en relación ás necesidades de conexión Galiza coa metrópole de Madrid. Estes días vimos como veciños do Carballiño plantábanse ante esta situación de deterioro. E o AVE é tamén un exemplo do pouco que se respecta Galiza, da inutilidade das forzas estatais que deron distintas datas para a súa chegada.

Recentemente rexeitouse unha Iniciativa Lexislativa Popular para asegurar a xestión pública dos saltos hidroeléctricos das bacías galegas, que tería suposto para as comarcas interiores?

Galiza é un país produtor e excedentario na produción eléctrica, pero paga a tarifa eléctrica do mesmo xeito que no resto do territorio, e ademais ten que devolver ás eléctricas impostos que cobrou o Goberno galego. Penso que é un bo exemplo de como a falta de capacidade para decidir leva a que un ben que debera reverter a economía e no benestar social só deixe lucro ás grandes multinacionais.

Galiza achega moito máis ao Estado do que recibe

Sendo vostede alcalde de Allariz e representante do BNG na Fegamp demandou un cambio no modelo de financiamento.

Esa reivindicación acabou sendo asumida por todas as forzas políticas. Galiza achega moito máis do que recibe en relación ao que o Estado recada e despois destina á Xunta e aos Concellos. A cidadanía galega recibe uns cincuenta euros menos que o resto da cidadanía do Estado e non se teñen en conta criterios fundamentais como a dispersión. A débeda do Estado con Galiza pon esa necesidade de manifesto.

O Pacto contra a violencia de xénero devolveu aos Concellos competencias nesa materia. Na súa candidatura demanda un xulgado específico contra a violencia de xénero para Ourense.

Na planta xudicial que hai hoxe moitos colectivos insistiron nesa necesidade. Afortunadamente cada vez máis mulleres deciden denunciar as súas situacións de violencia machista e isto apuntala a necesidade dun xulgado específico.  

Penso que Portugal actúa con criterio de Estado

Son cada vez máis frecuentes as comparativas do sur da Galiza co norte de Portugal, que sinalan o crecemento económico da outra beira do Miño. Pódense tomar exemplos deste país?

Penso que Portugal actúa con criterio de Estado, mentres que a política do Goberno central nese sentido non ten en conta as necesidades galegas, máis ben o contrario. E a Xunta, alén de ter minguadas as súas competencias, carece dunha estratexia clara. A caída industrial está sendo fortísima e hai un modelo económico no que, lamentabelmente, a precarización das condicións laborais é cada vez maior. Precisamos políticas que partan dos nosos recursos e potencialidades, aproveitando vantaxes comparativas, desde a produción eléctrica cunha tarifa específica até a canalización do noso aforro en investimentos públicos.

Comentarios