Urxencias políticas en tempos de COVID-19

Galiza decide nos comicios do 12 de xullo como facer fronte á crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus. A disxuntiva está entre continuar cunhas políticas que agravan as consecuencias da pandemia ou nunha alternativa diferente á vixente. A sociedade galega ten a última palabra.

O modelo de residencias é unha das maiores preocupacións das forzas políticas. (Foto: Arxina).
photo_camera O modelo de residencias é unha das maiores preocupacións das forzas políticas. (Foto: Arxina).

Alberto Núñez Feixoo quere excluír do debate de campaña a situación dos centros de maiores. O coronavirus deixou 274 mortes nas residencias da terceira idade, o que representa 44% das vítimas mortais provocadas pola epidemia, e a totalidade dos falecementos concéntrase nos xeriátricos de xestión ou titularidade privada. 

A mortalidade prodúcese nuns equipamentos cuxa tutela e supervisión lle corresponde á Xunta da Galiza, coñecedora desde hai anos das deficiencias destas dotacións, como certifica o informe do Consello de Contas de 2017 e que permite o incumprimento da normativa por parte das direccións das residencias.

A conivencia do Goberno galego coa patronal das residencias é evidente. Porén, as razóns últimas da traxedia vivida nos xeriátricos son de carácter estrutural. As peaxes cos grandes operadores de centros de maiores condicionan a resposta da Xunta da Galiza, un modelo asistencial de natureza privada, orientado á busca do beneficio e controlado por grandes fondos de investimento, e imposibilitan situar nun primeiro plano o benestar dos residentes. 

O vindeiro Executivo galego debe decidir entre continuar este modelo impulsado por Feixoo, que entregou a rede pública de centros de maiores aos operadores privados, ou un novo sistema residencial para a terceira idade de carácter público, que na última pandemia non rexistrou ningunha morte na Galiza.

As debilidades do sistema sanitario

O coronavirus deixou ao descuberto a falla de medios materiais e humanos do sistema sanitario, como consecuencia da política de retallos aplicada polo Goberno galego na última década. A etapa de Feixoo á fronte da Xunta da Galiza significou un recorte moi importante no número de camas hospitalarias, sinalando a Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública que só entre 2010 e 2014 deixaron de funcionar arredor de 800 camas nos complexos hospitalarios galegos. 

Outro tanto aconteceu co número de prazas nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI), situándose a cobertura na Galiza en 5,92 prazas por cada 100.000 habitantes, fronte a  8,28 prazas por cada 100.000 habitantes no Estado español, a moita distancia das ratios existentes nos países da contorna.

A resposta do Goberno galego vai na dirección contraria do que esixe a prudencia e requiren os expertos. Se os propios responsábeis sanitarios recoñeceron as eivas do sistema galego da saúde en plena pandemia até o punto de iniciar xestións para aumentar a dotación de camas, actualmente volveron ás andadas recortando persoal dos distintos servizos sanitarios, afondando na precariedade e fechando distintas unidades de Atención Primaria e especializada. 

A decisión adóptase malia o risco dun posíbel rebrote da pandemia nos meses de verán, cando tradicionalmente colapsa o sistema sanitario galego polo aumento da poboación como consecuencia do turismo e após comprometerse a Xunta a aumentar as ratios de prazas sanitarias e de UCI no marco do plano de desconfinamento imposto polo Estado.

A resposta social á crise

As consecuencias sociais da crise económica provocada pola pandemia van supor recortes. O novo escenario creado polo previsíbel rescate europeo, asociado a un paquete de medidas que van afondar na austeridade, na caída no emprego (cunhas taxas de paro que algunhas previsións sitúan por riba de 20% na próxima lexislatura) e a probábeis retallos nas condicións dos pensionistas, cunha baixa no seu poder adquisitivo, require dun Goberno que teñan claras as súas prioridades. 

A resposta da Executivo galego nesta primeira fase de emerxencia económica concretouse nunha aposta por aquelas políticas máis confesionais cos intereses dos grandes grupos económicos, exemplificado nos reparos de Feixoo ás políticas de confinamento, no seu abandono aos autónomos, até o punto de ser Galiza, con Aragón, o único territorio que non dispón de axudas para o colectivo, e na súa falla de alternativas para aqueles sectores en risco de exclusión social.

A Xunta da Galiza ten competencias e marxe de xogo para impulsar unha xestión da crise que non cargue os seus efectos máis perversos nas maiorías sociais e que non implique outra reconversión industrial do país. A situación da factoría de Alcoa de San Cibrao (Cervo) é unha mostra das consecuencias da política industrial do Goberno Feixoo, con máis de 8.000 empregos destruídos nunha década, mais tamén un sinal da alarma do que pode agardar a outros sectores.

Comentarios