Torrado: "A Xunta ten almacenadas 100.000 vacinas"

O Goberno nega que haxa "ineficiencias" no sistema de datos e citación para a vacinación.
Unha muller recibe a vacina contra a Covid-19 (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha muller recibe a vacina contra a Covid-19 (Foto: Europa Press)

O Goberno galego "mantén almacenadas 100.000 vacinas contra o coronavirus", censurou esta quinta feira, 22 de abril, o deputado socialista Julio Torrado na comisión de Sanidade do Parlamento galego, afirmando que "mentres" o presidente da Xunta "quere forzar os dereitos e liberdades para obrigar a xente a vacinarse -en referencia á nova lei de Sanidade galega-, non considera que sexa unha obriga moral da Xunta pór todas as doses dispoñíbeis”. Torrado reclamou ao Executivo que reforce o persoal de Atención Primaria para axilizar o proceso de vacinación

Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, respondeu a Torrado asegurando que o proceso de vacinación galego conta con sistemas de control e identificación adecuados para garantir o seu correcto desenvolvemento, negando as acusacións do socialista de "ineficiencias" no sistema de xestión de datos das persoas para vacinar e problemas de rexistro, como dobres citacións.

Durán indicou que o plan de vacinación "require medidas loxísticas de gran complexidade", entre elas a xestión de citas e o rexistro do proceso de administración.

Por iso, explicou que se puxo en marcha un sistema de citación diferenciado para maiores de 80 anos a través de chamadas personalizadas, e a través de SMS para o resto da poboación, unha mensaxe que vén acompañada cun código QR que "almacena o identificador polo que esa persoa é recoñecida de maneira unívoca".

Ademais, no punto de vacinación, a verificación da identidade "faise tamén de maneira verbal", con datos como nome e apelidos, data de nacemento ou estado da persoa", explicou Durán.

A deputada Iria Carreira (BNG) levou a comisión as "irregularidades" no transporte sanitario non urxente na estrutura sanitaria da Coruña, con carencias, dixo, nos plans de formación, a renovación de vehículos, o cadro de persoal ou a desinfección de espazos.

14.000 profesionais optan á carreira profesional

Uns 14.000 profesionais do Sergas presentaron a súa solicitude para acceder á convocatoria de carreira profesional correspondente co ano 2020, dos que perto de 3.000 son sanitarios licenciados, 7.000 diplomados sanitarios e técnicos de FP e 4.000 persoal de xestión e servizos, segundo informou na comisión de Sanidade a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana Comesaña.

Comentarios