As urnas convocan este domingo 2,2 millóns de galegas e galegos

Este domingo 12 de xullo até 2.234.252 galegas e galegos están chamados a acudir ás urnas e 72.000 xa votaron por correo. O censo total de electoras e electores ascende a 2.697.315 persoas, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro.
Papeletas para o 12-X
photo_camera Papeletas para o 12-X

2.234.252 son as galegas e galegos que o 12-X teñen unha cita coa urnas nos colexios electorais, aínda que o censo total de electoras e electores é maior e ascende a 2.697.315, das cales 463.163 son residentes no estranxeiro.

A participación da emigración caeu de forma histórica nestes comicios, xa que só 12.359 electoras e electores do Censo de Residentes Ausentes (CERA) solicitaron o voto, unha cifra que é practicamente a metade que nos comicios galegos de 2016, sendo ademais a máis baixa de todo este século.

78.503 son as mozas e mozos que poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas, desde as que se realizaron o 25 de setembro de 2016. Son 13.628 máis que na cita dos comicios estatais que tivo lugar o 10 de novembro de 2019.

O voto por correo sobe 79,52%

Un total de 72.161 galegas galegos xa enviaron o seu voto por correo, unha cifra provisional, a última dada por Correos a falta de sumar os votos emitidos na sexta feira 11 de xullo. Esta cifra supón un incremento de 79,52% respecto ao anterior proceso electoral homologábel, as eleccións galegas de 2016, e supón xa a cifra máis alta de voto por correo rexistrado nuns comicios galegos.

11.856 galegas e galegos teñen que constituír 3.952 mesas electorais

Este domingo electoral un total de 11.856 galegas e galegos terán que constituír 3.952 mesas en 2.395 locais para que a cidadanía poida exercer o dereito a voto nos 313 concellos galegos, divididos en 590 distritos e 2.156 seccións.

Por circunscricións, A Coruña conta con 1.543 mesas en 903 locais; Pontevedra ten 1.331 mesas en 668 colexios electorais; Lugo 536 mesas en 406 colexios; e Ourense conta con 542 mesas en 418 locais electorais.

Así, ademais das 11.856 titulares de mesa, tamén están chamadas a acudir aos colexios un total de 23.712 persoas para cubrir calquera oco que deixe baleiro quen non asista ao seu posto, unha obriga á que só é posíbel renunciar cunha escusa avalada pola Xunta Electoral.

Precisamente, as xuntas electorais de zona constataron un aumento de escusas con respecto a outras citas, motivado pola situación de crise sanitaria do coronavirus. De non cubrírense as mesas con titulares e suplentes, as persoas que asistan aos colexios para votar nese momento serán requiridas para cumprir con esa función. 

Comentarios