O urbanismo do PP en Barreiros outra volta baixo sospeita

O BNG denuncia un “urbanismo á carta”a raíz da investigación do Seprona da casa do tenente alcalde en Remior, sen licenza de ocupación. Este afirma que non hai nada ilegal.

Casa do Concello de Barreiros
photo_camera Casa do Concello de Barreiros

Barreiros é un dos concellos galegos nos que a palabra urbanismo vai unido a sospeita, xa desde a ‘explosión’ urbanística que fixo que se concedesen o duplo de licenzas para construír vivendas que veciños ten este municipio da Mariña de Lugo. Barreiros volve estar baixo a lupa da investigación, desta volta do Seprona. Este servizo da Garda Civil investiga un edificio do tente-alcalde (do PP) en Remior, fronte un acantilado. O BNG denuncia que esa construción non se axusta nin ao tipo de solo permitido nin ao uso permitido nesa zona no momento de conceder a licenza. “É un exemplo do urbanismo á carta que se fixo en Barreiros nos últimos anos”, sinalan desde o Bloque, que denunciou no Pleno municipal a intención do Concello de “legalizar a construción”.

Fontes da fronte nacionalista sinalan que o goberno local quer cualificar no Plan Xeral de Ordenación como de uso hosteleiro esta zona, facilitando así a legalización ‘ad hoc’ da edificación, que carece de licenza de uso.

O concelleiro investigado recoñeceu en La Voz de Galicia que carece de licenza de primeira ocupación mais atribuíu isto a que a edificación aínda non está rematada. Acusa o BNG de “difamar” e asegura que non ten nada a ocultar.

O BNG pide “máxima transparencia” ao alcalde de Barreiros e agarda que “se nos entregue toda a documentación sobre o asunto” sinalando que “se non hai nada que ocultar, alcalde e tenente-alcalde deberían ser os primeiros en facer públicos toda a documentación”.

Comentarios