A UPG realizará o seu XV Congreso Nacional o 17 de novembro

Entre os obxectivos da cita, que terá lugar en Compostela, fortalecer o nacionalismo fronte aos “desafíos que ten por diante” desde o “cuestionamento claro” do modelo do Réxime do 78.

XIV Congreso UPG-4
photo_camera XIV Congreso UPG

O Comité Central da Unión do Povo Galego (UPG) fixou o vindeiro 17 de novembro como a data para levar a cabo o XV Congreso Nacional do partido. Unha cita que terá lufgar en Compostela e para a que se marcan diferentes obxectivos, nomeadamente o de “fortalecer o nacionalismo galego para enfrontar os desafíos que ten por diante, consolidando o seu posicionamento combativo, de confrontación co españolismo, o centralismo e as políticas antisociais impostas”.

A actualización das análises, o fortalecemento organizativo, político e ideolóxico da UPG; e a mellora dos mecanismos de participación son outros dos obxectivos sinalados para este Congreso, para o cal xa está fixado o calendario: en outubro decorrerán as asembleas de zona no que se debaterán os documentos congresuais. Un, o político, coordinador polo secretario xeral, Néstor Rego; e outro, organizativo, polo secretario nacional de Organización, Manuel Casal.

Este XV Congreso tería que realizarse en maio mais o Comité Central acordou no seu día adialo como consecuencia das citas electorais de abril e maio. Uns comicios cuxos resultados foron avaliados polo propio CC, que os considera “moi positivos”. Considera a UPG que as eleccións xerais, municipais e europeas “consolidaron a tendencia de recuperación” do nacionalismo e que marcaron “claramente” unha “mudanza de ciclo”, co nacionalismo como alternativa ás “forzas do réxime”.

A vixencia e actualidade dun “proxecto político propio e soberano” é outra das conclusións que extraen deste ciclo electoral, subliñando a vixencia da “autoorganización” para dar socialmente “a batalla” contra o Estado español. A UPG, porén, tamén chama a prestar atención ás “feblezas” organizativas e “dinámicas rutineiras” que cómpre mudar.

Por último, o partido comunista considera “fundamental” continuar e profundizar nas relacións coas organizacións soberanistas de Euskadi e Catalunya, nomeadamente perante un escenario a nivel de Estado no que a cuestión nacional “seguirá a ser central”.

Comentarios