A UPG homenaxea a Moncho Reboiras en Ferrol clamando por un Estado propio para Galiza

Cunha ofrenda floral no número 27 da Rúa da Terra a Unión do Povo Galego (UPG) rendeu homenaxe máis un ano a Ramón Reboiras Noia, asasinado polo fascismo español en agosto de 1975

photo_camera [Imaxes: M. Loureiro]

Coma cada 12 de agosto a militancia da UPG desenvolveu en Ferrol a tradicional homenaxe a Moncho Reboiras. Após 38 anos da súa morte --abatido a tiros pola Brigada Político Social na rúa ferrolá da Terra-- desde a UPG reivindicaron o papel militante de Reboiras e a necesidade, din, de manter vivo o seu facho a prol dunha Galiza soberana. 

A figura de Reboiras, un referente na loita

Así o asegurou na súa intervención a concelleira do BNG en Ferrol, Mercedes Tobío. A nacionalista, que deu comezo á rolda de intervencións políticas desenvolvidas no Cantón após a ofrenda floral no histórico portal, subliñou o compromiso amosado por Moncho Reboiras durante os seus anos de militancia e a súa contribución ao movemento nacionalista galego. Asemade, Tobío chamou á cidadanía a recuperar o seu espírito e continuar na loita a prol dun futuro para Galiza. 

A concelleira do BNG, Mercedes Tobío e o secretario xeral da UMG, Xacobe García, salientaron o papel militante de Moncho Reboiras e chamaron a o recuperar  

Neste senso, a concelleira nacionalista salientou a importancia de que Galiza conte con capacidade real para decidir como única ferramenta para saír da crise. Mercedes Tobío censurou as políticas implementadas polos gobernos de Madrid e Bruxelas que condenan á desaparición os sectores produtivos do noso país mais tamén reivindicou a necesidade dunha Galiza soberana que pule polos intereses das clases populares e do tecido industrial e agrario galego. 

"Galiza non é España", sentenciou a edil do BNG en alusión ao sector naval ferrolán, condenado polos executivos español e europeo a morte. 

Xunto á concelleira do BNG, o secretario Xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), Xacobe García Souto, reivindicou a importancia de dar continuidade ao traballo encetado por Reboiras cuxa figura, subliñou, segue a ser un referente para a mocidade nacionalista galega. Asemade, García Souto salientou a figura do histórico nacionalista de cuxo activismo debe beber a xuventude deste país, asegurou, para superar a actual situación marcada pola emigración e a precariedade laboral.

Un recordo para as vítimas de Angrois

O ramo do acto político desenvolvido no Cantón ferrolán púxoo o secretario xeral da UPG, Néstor Rego. No seu discurso, o dirixente nacionalista quixo lembrar as vítimas do sinistro ferroviario decorrido o pasado 24 de xullo perto de Compostela. 

"O accidente de Angrois non é fatalidade, é colonialismo"

No entanto, o secretario xeral da UPG asegurou que o acontecido a poucos quilómetos da capital da Galiza "non foi unha catástrofe" senón, asegurou, "algo evitábel" unicamente atribuíbel a un "trazado deseñado desde Madrid" que, aliás, non conta cos mecanismos de seguridade precisos. 

"Galiza non lle debe nada a España"

"Non é un desastre" afirmou con rotundidade Néstor Rego, "é colonialismo". Para o secretario xeral da UPG que Galiza conte con soberanía plena permitiría ao noso país gozar de infraestruturas acaídas ás necesidades do pobo galego e un deseño propio non dependente dos intereses de Madrid.

Néstor Rego: "GpS está chamada a ser o cerne dun amplo movemento en defensa do dereito a decidir"

Neste senso, Rego reivindicou un "Estado propio" para Galiza porque, dixo, "nada lle debemos a España". No entanto, ironizou Rego, "en todo caso" deberalle "os milleiros de desempregad@s e emigrad@s".

O dirixente da UPG aproveitou a súa intervención para saudar o nacemento da iniciativa social Galiza pola Soberanía da que dixo "está chamada a ser o cerne dun amplo movemento en defensa do dereito a decidir". Un dereito que salientou constitúe o eixo central dunha acción política que se mantén acesa desde Moncho Reboiras. 

Comentarios