É posíbel saber cando mente un político?

Ana Belén Fernández Souto e Xosé Rúas, da Facultade de Ciencias da Comunicación da UVigo, coordinan o proxecto 'DEBATrue'.
Debate previo ás eleccións galegas de 2020 (Foto: Europa Press).
photo_camera Debate previo ás eleccións galegas de 2020 (Foto: Europa Press).

Vinte investigadores e investigadoras de diferentes ámbitos de estudo están a traballar no deseño dunha aplicación móbil que comprobe de forma automática se un ou unha política está a decir a verdade nun debate. Trátase do proxecto 'DEBATrue', que, co financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación, coordinan Ana Belén Fernández Souto e Xosé Rúas, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Vigo (UVigo).

A iniciativa, segundo informa a UDC nun comunicado de prensa, "está dirixida a contribuír á loita contra a desinformación a través da identificación de datos falsos que poidan desvirtuar a calidade democrática e alterar o normal desenvolvemento do proceso electoral".

Así, o proxecto, que se desenvolverá até 2023, ten como obxectivo "sumar aos actuais procesos manuais de verificación unha aplicación dixital que automatice parte dese proceso, contribuíndo a que se acelere a comprobación e verificación da información e poidan rebaterse, antes de que se viralicen, as posíbeis afirmacións falsas ou inexactas realizadas no transcurso dun debate electoral".

Plataforma de acceso aberto

Co gallo de identificar posíbeis afirmacións falsas ao longo do propio debate, "como aquelas que a raíz deste poidan xurdir nas redes sociais", este proxecto "abrangue a aplicación de técnicas e ferramentas de aprendizaxe automático ou machine learning aos procesos de verificación de datos, así como a creación dun bot de análise conversacional e medición da actividade e impacto en Twitter dos debates televisivos".

"Baseado no uso de tecnoloxía blockchain, tratarase dun sistema de verificación de información aberto e descentralizado, creado sobre principios de gobernanza éticos e transparentes e sustentado en datos de acceso aberto", salientan.

Laura Castro, investigadora e profesora da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial na UDC, o máis salientábel do proxecto é "non só axudar a xente a saber se unha afirmación ou dato ten base e pode contrastarse, senón que se saiba como e de que forma o sistema —a app— chega a esa conclusión".

Integrantes de 'DEBATrue'

Neste grupo de traballo, do que forman parte as tres universidades galegas, están as e os docentes da Universidade da Coruña (UDC) Laura Milagros Castro, David Cabrero, Natalia Quintas, José Ángel Holgado e José Manuel Lage, así como os investigadores da Universidade de Vigo (UVigo) Manuel Pérez Cota, Montse Vázquez, Iván Puentes, Yolanda Blanco, Andrés Mazaira, Mónica Valderrama, Talía Rodríguez e Julia Fontenla; aos que se suman Francisco Javier Paniagua, da Universidad de Málaga; Concepción Pérez, da Universidad de Sevilla; Paulo Carlos López, da Univerisdade de Santiago de Compostela (USC); Alejandro Romero, da Universidad de Granada; e o coronel Ángel Gómez, experto en análise xeopolítica.

Comentarios