Unió irá en solitario o 27S e Mas amaga con ceder o liderado dunha candidatura unitaria

Os democristianos presentaranse ás autonómicas con esta fórmula por primeira vez en 81 anos de existencia. O presidente da Generalitat abre a porta a unha lista ampla e soberanista que supere os partidos.

photo_camera Imaxe de arquivo de Mas e Duran Lleida


A ruptura interna de CIU muda o escenario político en Catalunya a só tres meses das eleccións autonómicas, consideradas un plebiscito polas forzas soberanistas. Unió decidiu concorrer en solitario por primeira vez en 81 anos de historia, unha decisión que contou co respaldo do 70% do consello nacional; mentres o presidente da Generalitat, Artur Mas, ofreceu ceder o liderado dunha candidatura unitaria que supere aos partidos.

“Non pensedes na lista do presidente, pensade se é necesaria unha lista co presidente, que non é o mesmo”, defendeu Mas durante a súa intervención no primeiro acto de campaña de Convergència. Unha proposta de candidatura unitaria que no pasado xerou un intenso debate con ERC e coas entidades soberanistas e rematou co adianto electoral para o 27 de setembro.

O presidente catalán mostrou a ruptura con Unió como un paso máis do seu partido cara un compromiso de confluencia. Recoñeceu que o proceso soberanista perdeu forza nos últimos meses, polo que chamou ás entidades a poñer “a directa” para recobrar o impulso independentista. 

“Non pensedes na lista do presidente, pensade se é necesaria unha lista co presidente, que non é o mesmo”, defendeu Mas.

Mas mostrouse confiado de que militantes soberanistas de Unió e do PSC apoien esta proposta. “Non se pode aspirar a construír un Estado sen sentido de Estado. Non se pode lograr a liberdade dun país e de Catalunya se as axendas persoais pasan por diante de aqueles que son a suma necesaria de todos”. 

División interna en Unió

O sector crítico de Unió xa mostrou a súa vontade de sumarse ao proxecto de Mas, incluso algúns históricos deixaron a militancia, malia as advertencias da dirección -controlada por Josep Antoni Duran Lleida e Ramon Espadaler- de que Unió “non xogará en dúas candidaturas diferentes”. 

O secretario xeral dos democristianos chamou a recuperar o espazo moderado que ocupaba CIU e non esconder “unhas siglas históricas”, despois de recoñecer que a metade do electorado perdido foi parar a ERC. A incógnita que quedou sen despexar en Unió foi o seu candidato. Duran Lleida e Espadaler parten como os únicos nomes. Aínda que ningún se postulou polo momento, tampouco descartou facelo.

Comentarios