Proposta conxunta de En Marea, PSdeG e BNG para reverter a 'deturpación' da comisión de investigación de Sanidade

Propoñen unha listaxe de 44 comparecentes e un novo plan de traballo; e instan o PP a rectificar a “posición absolutista” que provocou o abandono pola oposición dese organismo parlamentar por entender que se baleiraba do seu obxectivo.

ponton villares leiceaga

Tal e como está configurado o regulamento da cámara, a oposición pode forzar a constitución dunha comisión de investigación sobre calquera materia, co límite dunha por lexislatura, mais o seu funcionamento acaba sendo sempre determinado pola forza que eventualmente detente a maioría absoluta. Neste caso, o PP. Da man da súa maioría absoluta o PP impuxo o nomeamento dos membros da Mesa da Comisión de Investigación e tamén o seu plano de traballo. E só se mostrou disposto, após un tira-puxa, a aceptar 20 das 80 peticións de comparecencia demandadas pola oposición. Entre elas ficaba fóra a dun irmán do paciente morto no PAC da Estrada.

"O PP tenta aproveitar unha proposta da oposición para negar a verdade" (Luis Villares)

Iso levou a que as tres forzas da oposición, En Marea, PSdeG e BNG, considerasen que esa comisión nacía morta e que se furtaba o seu obxectivo inicial e orixinal: tomar o pulso á realidade sanitaria galega.

Luis Villares, Fernández Leiceaga e Ana Pontón volveron comparecer xuntos no Parlamento. Fixérono para denunciar a “posición absolutista” mantida polo PP, partido ao que acusan de querer “amordazar” a comisión de investigación, en palabras do portavoz de En Marea.

As tres forzas propoñen 44 nomes a engadir na listaxe de comparecentes e un novo plan de traballo nesa comisión. Están abertas ao diálogo mais consideran que son voces que  necesariamente  teñen que ser escoitadas para ter un diagnóstico real e certo do tema que se trata na comisión. Familiares do paciente morto no PAC da estrada, cargos da Xunta imputados polo retraso no tratamento Hepatite C, representantes de colectivos de defensa do paciente…  Unha listaxe que substenta, aponta a oposición, “un plan de traballo para chegar á verdade”. 

Non aceptamos a doma e castración da oposición en Galiza (Fernández Leiceaga)

"Comprobamos unha vez máis como o PP tenta aproveitar unha proposta da oposición para negar a verdade e converter unha comisión nun acto de propaganda do partido", lamentou Luis Villares, para quen "a cidadanía" quere saber "a verdade"sobre "a sanidade en Galiza".

Leiceaga, portavoz socialista, criticou que o PP se valese da súa maioría para “impoñer unha axenda de traballo única” ao tempo que advertía que non estaba disposto a “aceptar a doma e castración da oposición en Galiza”.

"Queren facer dunha comisión de investigación unha comisión de absolución" (Ana Pontón)

A portavoz nacionalista, Ana Pontón, explicou que a actuación do PP transformaba a “comisión de investigación” nunha “comisión de absolución” da Xunta na súa política sanitaria. Pontón insistiu  na importancia e necesidade de que na comisión se puidesen escoitar “voces autorizadas” sobre a sanidade pública galega e non simplemente aquelas de interese do PP. “Como se vai investigar as consecuencias de non dispensar medicamentos ás persoas afectadas pola hepatite C sen darlle voz a plataforma de afectados, como se vai investigar o falecemento dun doente no PAC da Estrada sen darlle voz nin a familia, nin aos profesionais do centro ?”, interpelou.

Comentarios