Unidade da oposición para exixir a Feixoo que explique as súas relacións co ex director de Pemex detido

PSdeG, Común da Esquerda, BNG e Grupo Mixto reclaman a convocatoria urxente da deputación permanente para que o presidente compareza ante a Cámara

pemex xunta barreas

Os grupos da oposición no Parlamento da Galiza (PSdeG, Común da Esquerda, BNG e mixto) uníronse para solicitar a convocatoria urxente da deputación permanente para que Núñez Feixoo, ofreza explicacións sobre a súa relación co ex director de Pemex Emilio Lozoya, detido o pasado 13 de febreiro en Málaga pola súa suposta relación con casos de corrupción e após varios anos prófugo da xustiza.

Nun escrito rexistrado na mañá desta cuarta feira, as portavoces da oposición piden a reunión do órgano que vela polo funcionamento da Cámara entre as lexislaturas para que Feixoo explique "as relacións do seu goberno con cargos de Pemex imputados por presunta corrupción".

Segundo recolle un comunicado do Grupo Socialista, o deputado do PSdeG Luís Álvarez instou Núñez Feixoo a "explicar" as súas relacións cun "prófugo da xustiza" que agora foi detido pola súa suposta vinculación a casos de corrupción.

Ademais, tamén pediu que clarifique "por que nunca chegaron os 20 buques" que anunciara para o estaleiro vigués Barreras "durante unha campaña electoral" e dos que "non se soubo nada". "Pero o que si puidemos ver foron as fotos de Feijóo xunto a un directivo agora detido acusado de suborno e branqueo de capitais", sinalou Álvarez.

Por parte de Común da Esquerda, o seu vice portavoz Antón Sánchez puxo o foco en "que a gran solución que presentaba Feijóo para o futuro de Barreiras, o acordo con Pemex, podería ser parte dun armazón corrupto", polo que ve "urxente" que o xefe do Executivo galego "dea explicacións" respecto diso.

"A alianza estratéxica que prometera Feijóo para o naval galego, que suporía a creación de 2.500 postos de traballo, un gran aumento da carga de traballo con 20 barcos ou a base loxística do Porto Exterior da Coruña, quedou en nada: só dous floteis e todos os contratos prometidos sen materializar", denunciou Sánchez.

Para a deputada do BNG Olalla Rodil, se Feixoo declina comparecer ante a comisión permanente "demostrará que ten algo que ocultar" como, di, apuntan as informacións publicadas pola prensa mexicana durante os últimos días e que "sinalan directamente ao presidente da Xunta e a destacados membros do seu goberno".

"O presidente da Xunta debe dar a cara e explicar os seus vínculos con Emilio Lozoya, pero tamén con Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos co Goberno galego", incidiu Rodil.

Comentarios