Entrevista a Alexandra Fernández

"As e os deputados galegos dos partidos estatais teñen internamente un peso cada vez menor"

Alexandra Fernández (Vigo, 1988) vén de anunciar o seu retiro da primeira liña política após tres anos como deputada no grupo de Unidos-Podemos, En Comú-En Marea no Congreso. Un retiro que se produce despois da fenda interna exteriorizada no debate dos orzamentos do Estado, que a parlamentar, tal e como decidira a dirección de En Marea, rexeitou, ao contrario que Antón Gómez-Reino, Yolanda Díaz, Ángela Rodríguez e Miguel Anxo Fernán Vello.

photo5904519527721447101-720x473
photo_camera [Imaxe: En Marea] Alexandra Fernández

Cales son as razóns que explican a súa renuncia a continuar o seu traballo político no Congreso?

Era consciente de que o tempo na política institucional tiña que ser limitado, que viñamos cumprir unha función e despois, volver ás nosas vidas. Penso que esta etapa xa concluíu, vou retomar o meu proxecto fin de carreira –que deixei cando entrei no congreso– para seguir coa miña vida profesional, sobre todo porque estes tres anos reafirmeime na idea de que é importante estar na política por convición e non por intereses persoais e para iso hai que ter sempre unha vida profesional a parte.

"É importante estar na política por convición e non por intereses persoais e para iso hai que ter sempre unha vida profesional a parte"

Expresaba nas redes sociais que a súa renuncia a repetir como candidata ao Congreso non significaba un abandono do seu compromiso. En que esferas de traballo pensa centrar a súa militancia política e social nos próximos tempos?

Principalmente, na actividade política de base, como fixen sempre até o de agora. Non se pode deixar a política, porque hai un país que xa se mobilizou co Nunca Máis, co Non aos Lumes, co 15M, un país feminista que se vai mobilizar polo 8 de marzo, un país que segue movéndose e no que vou seguir activa e militando. Ese é o espazo en que seguirei a estar.

Con que se queda do labor político desenvolvido ao longo da lexislatura que vén de rematar?

Para min hai tres claves principais. Primeiro, ese tempo en que tiven que asumir a Portavocía e en que loitei moitas veces contra propios e alleos para conseguir que Galiza estivese visíbel no Congreso e facer valer o peso específico que nos deron 400 mil galegas e galegos e trasladar as demandas e as fortalezas do noso país á axenda do Estado. Despois houbo unha segunda etapa centrada na Comisión de Fomento, na política de infraestruturas, que desde o punto de vista de Galiza é chave, pois esas infraestruturas condicionan enormemente o noso modelo socio-económico. Houbo temas como a AP-9, as conexións aos corredores de mercadorías, as conexións ferroviarias e, sobre todo, tratar de trazar unha estratexia dunha Galiza atlántica, colocarnos no mapa non desde a visión de Madrid. E unha fase última centrada na comisión de investigación de Angrois, onde pasaron 50 comparecentes e onde fixemos un traballo moi intenso man a man coas vítimas e familiares para intentar descubrir a verdade e tombar esa verdade oficial que se creou desde o minuto cero do accidente.

"O PP e o PSOE tiñan moito que ocultar e por iso pactaron o silencio da curva, un acordo para encubrir toda a responsabilidade e trasladarlla ao maquinista"

Cales son as razóns que explican a posición do PP e do PSOE en relación ao accidente mais tamén ás vítimas?

PP e PSOE pactaron desde o minuto cero unha verdade oficial que cargaba toda a responsabilidade no maquinista para ocultar dúas cuestións chave. Por unha banda, na etapa en que foi ministro José Blanco procedeuse á modificación do proxecto e ao recorte do sistema de seguridade na curva de Angrois. Na segunda etapa, en que participou Ana Pastor como ministra de Fomento, desconectouse na totalidade o sistema de seguridade. Eses dous momentos están sinalados pola UE como cuestións clave que foron as causas raíz para que se producise ese accidente. O PP e o PSOE tiñan moito que ocultar e por iso pactaron o silencio da curva, un acordo para encubrir toda a responsabilidade e trasladarlla ao maquinista. Penso que fixemos un traballo onde se demostraron as presións que hai dentro do Ministerio de Fomento e conseguimos que xente indignada ante tanta mentira dese un paso adiante poñendo en risco o seu propio posto de traballo, como foi o caso do director do CEDEX.

"As únicas forzas que teñen un proxecto alternativo para Galiza son aquelas que teñen o seu centro de decisión na Galiza"

Desde a súa experiencia na política española nos últimos anos, existe Galiza realmente na axenda das forzas políticas estatais?

A recentralización do Estado tamén ten consecuencia na política interna dos partidos e os deputados galegos e galegas dos partidos estatais teñen internamente un peso cada vez menor. Creo que lles pasa a todos. É evidente que PP e PSOE levan facendo unha política de Estado durante todo este tempo que non conta con Galiza. Unha política cada vez máis centrada en Madrid e no arco mediterráneo. O único proxecto para Galiza é convertela en parte desa España baleira. Contra iso, hai que formular unha alternativa e o que se ve por parte doutras forzas de esquerda é que nin avalan o modelo do PP e do PSOE pero tampouco teñen un modelo diferente. As únicas forzas que teñen un proxecto alternativo para Galiza son aquelas que teñen o seu centro de decisión na Galiza.

Que se xoga Galiza nas vindeiras eleccións xerais do 28 de abril?

Nun proceso de recentralización brutal vanse por enriba da mesa cuestións como a reforma electoral, onde se vai intentar reducir o peso de Galiza a respecto do conxunto do Estado. É importante que esteamos neses debates. Ten que haber unha voz desde a esquerda galega que poña freo a esa tendencia recentralizadora. O segundo elemento clave é que temos que intentar conformar un acordo progresista mediante o cal Galiza condicione cos seus deputados unhas políticas que teñan en conta a nosa realidade.

"Dixemos que estes orzamentos eran inaceptábeis para Galiza. Quero remarcar que a organización deixou claro que esa era a posición de voto"

En cambio, comprobamos como no caso dos orzamentos do Estado non foi así, pois deputadas e deputados galegos do seu grupo apoiaron as contas.

En Marea tivo unha posición unánime e clara, compartida por todos os deputados e polo conxunto da organización durante os últimos tres meses. Dixemos que estes orzamentos eran inaceptábeis para Galiza. Quero remarcar que a organización deixou claro que esa era a posición de voto. Non hai que endosarlle nada a En Marea, senón aos deputados que a título individual decidiron non responsabilizarse da decisión da organización.

Comentarios