Editorial Sermos325: Unha ruptura necesaria

Manifestación a prol das Bases Constitucionais. 1978
photo_camera Manifestación nacionalista contra a Constitución de 1978

O 6 de decembro hai algo que celebrar. O 6 de decembro de 1931 fundábase o Partido Galeguista. Nunha histórica reunión, que se coñeceu como VII Asemblea Nacionalista, acordouse reclamar por vez primeira o dereito de autodeterminación e marcouse como primeiro obxectivo político a redacción dun Estatuto. Esa é a efeméride que debería celebrar Galiza e non o 40 aniversario da constitución que sentou as bases do réxime de 1978, co que cómpre romper. Trátase dun documento que nega a existencia e dereitos de Galiza como nación que é e mais do pobo galego.

Con motivo das catro décadas da constitución, institucións e partidos políticos organizaron e seguen a organizar actos para conmemorar un texto herdeiro do franquismo que ataca dereitos e liberdades. Cómpre que as forzas políticas estean á altura do momento e que debatan a necesaria ruptura do réxime do 78. Un debate imprescindíbel para acabar coa involución democrática e coa criminalización das ideas contrarias ao statu quo do marco constitucional actual. E para construír un país socialmente máis xusto, tendo en conta, ademais, que os dereitos sociais e laboral que recolle o texto son papel mollado.

Comentarios