O Bloque rexistra unha reforma electoral para "gañar en democracia"

O BNG rexistra unha Proposición de lei para reformar o sistema electoral fronte a "degradación da democracia" que supón, din, a presentada polo Partido Popular. @s nacionalistas propoñen a supresión da barreira electoral do 5% e un reparto de escanos directamente proporcional á poboación 

A organización frontista rexistrou esta quinta feira unha Proposición de lei a prol do estabelecemento dun sistema electoral de proporcionalidade pura tamén coñecido como de Resto Maior ou Cociente Hare.

Segundo o portavoz parlamentar do Bloque, Francisco Jorquera a iniciativa foi presentada como oposición frontal á modificación que o Partido Popular prevé aprobar e que para @s nacionalistas supón a "degradación da democracia". 

A reforma do Bloque prevé a supresión da barreira electoral do 5% e a distribución de escanos cun mecanismo de proporcionalidade pura

Nese senso, desde o BNG advirten que "fronte a esa proposta haberá outra" cuxo obxectivo é,din, "avanzar cara á radicalización da democracia". Francisco Jorquera defendeu a urxencia dunha "verdadeira democracia que bote realmente raíces" fronte ao recorte de deputad@s que promove o Partido Popular. "Se non rectifican" indicou o voceiro do BNG "haberá outra proposta" que respecte "a vontade popular". 

"O sistema electoral é unha peza fundamental de calquera nación democrática", aseguran @s nacionalistas, por iso propoñen unha reforma cuxo obxectivo é "alcanzar un maior grao de proporcionalidade entre o voto expresado polo corpo electoral e a representación obtida". Así propoñen a supresión da Fórmula D'Hont e a súa substitución por mecanismos de distribución directa e proporcional. 

A proposta deixa sen maioría absoluta ao Partido Popular

De acordo coa aplicación dunha fórmula proporcional pura o reparto de escanos no hemiciclo deixaría un panorama político ben distinto. Neste senso, o PP perdería a maioría absoluta ao tempo que novas formacións políticas (Compromiso por Galicia, UPyD e Sociedad Civil y Democracia) se incorporarían á Cámara. 

Comentarios