Unha batalla parlamentar e social a prol da frota galega

A exclusión da frota pesqueira galega de augas mauritanas levaría moitos buques directamente ao despezamento. O BNG propón unha ofensiva política e social a prol dos pesqueiros da Galiza.

O deputado nacionalista, Bieito Lobeira, anunciou esta segunda en rolda de prensa, que o grupo parlamentar do BNG "emprenderá unha ofensiva política e social para defender a frota galega en Mauritania".

O acordo político adoptado pola UE vén de substituír o pacto de 2006 en materia pesqueira e supón a expulsión dos 24 cefalopodeiros galegos que faenan en augas mauritanas. O texto introduce cláusulas que eliminan progresivamente a frota galega do mar deste territorio, que serán progresivamente substituídas por buques doutros territorios. Segundo Lobeira, a devandita decisión "implicará máis desemprego, menos capacidade produtiva e máis miseria" para un dos sectores produtivos galegos.

O deputado do BNG, acusou o goberno español e a Xunta de Galiza de "se amosaren insubmisos" perante a UE, ao impedir que o acordo de 2006 se mantivese --malia que este xa fixase unha importante redución no número de buques autorizados--. Neste sentido, cualificou a negociación desenvolvida polas autoridades galegas, europeas e españolas, de "fraudulenta", pois o proceso de negociación partía da exclusión dos cefalopodeiros. Segundo Bieito Lobeira, "para a Xunta de Galiza a frota galega non existe".

O nacionalista emprazou o presidente galego a rexeitar o novo acordo con Mauritania e a exixir un novo proceso de negociación en que se reflictan os intereses da frota galega. No entanto, puntualizou Lobeira, "non temos moita confianza en que o faga", pois dixo, Núñez Feijóo "é un presidente cobarde e preguiceiro".

Pola súa banda o PSdeG, a través da deputada Carme Gallego, considerou unha "mala noticia" o acordo adoptado no seo da UE e exixiu explicacións ao goberno galego. O voceiro do Partido Popular, Pedro Puy, defendeu a conselleira do Mar, de quen asegura "fixo unha defensa clara e pechada" dos intereses pesqueiros galegos. 

 

Comentarios