Unanimidade no Parlamento a prol do indulto para Carlos e Serafín

A instancias dunha proposición do BNG a Cámara galega demandará ao executivo español que conceda a medida de graza para os dous traballadores vigueses condenados a 3 anos de prisión por tomaren parte dun piquete informativo en 2008. 

[Imaxe: CIG-Avantarvideos]
photo_camera [Imaxe: CIG-Avantarvideos]

A deputada do BNG, Tereixa Paz, defendeu esta cuarta feira unha Proposición non de lei para demandar do pleno do Parlamento unha posición favorábel ao indulto de Carlos Rivas e Serafín González, os dous traballadores vigueses condenados a 3 anos de cadea por tomaren parte dun piquete informativo na folga do transporte de 2008. Finalmente e após unha emenda do grupo parlamentar do PP que foi aceptada polo Bloque, a Cámara demandará a Madrid un "indulto parcial, coa finalidade de evitar o seu ingreso en prisión". 

Tereixa Paz: "A sociedade observará con estupor como se pon en cuestión o dereito a folga, o dereito de reunión e de sindicación"

Desde o grupo nacionalista --que xa tentaran na anterior sesión plenaria aprobar unha declaración institucional mais que foi vetada polo PP-- aseguran que outorgar a medida de graza a ambos os dous operarios respode ás dúas razóns contempladas polo Código Penal. Isto é, tratarse de persoas cuxas vidas están plenamente normalizadas "de acordo cos valores sociais que imperan na sociedade galega" e que "por razóns humanitarias", explicou Tereixa Paz, "debemos evitar a súa entrada en prisión". 

Indulto contra unha decisión "manifestamente inxusta"

Neste senso, a deputada do Bloque lembrou que o delito que se lles imputa aos dous traballadores vigueses foi supostamente cometido no decorrer dunha folga "legalmente convocada" na que o sector do transporte loitaba por unha condicións de traballo dignas.

Así, considerou que a "sociedade" observará "con estupor" como a condena imposta a Carlos e Serafín que se están a pór en cuestión "tres dereitos recoñecidos como fundamentais pola Constitución" para alén do de folga: "o dereito de reunión, de sindicación e tamén o de utilizar os piquetes como informativos". 

O PP deixou claro na súa intervención que coida a participación de Carlos e Serafín no piquete unha vulneración dos dereitos dos traballadores

A deputada do BNG, que asegurou non pór en cuestión que a sentenza se axuste a dereito, apelou á capacidade do Consello de Ministr@s español para "corrixir as decisións xudiciais" que poidan "devir nunha situación manifestamente inxusta" ou "contraria aos valores sociais".

Da mesma maneira se posicionaron as demais forzas da oposición. Carmen Gallego, do PSdeG-PSOE, asegurou que a pena imposta é "a todas luces inxusta". Unha decisión que, contrasta indicou a parlamentar de AGE, Consuelo Martínez cos indultos aprobados para casos de corrupción ou mesmo, contra a saúde pública. 

O PP apoia o "indulto parcial"

Desde as bancadas do PP Manuel Tellado apoiou a proposta do BNG, unha vez foi aceptada a emenda presentada polo seu grupo na que demandaban o indulto parcial. Non sen antes, explicou, acrecentar que os dous traballadores "foron condenados" por "vulnerar os dereitos dos traballadores", algo que negan de maneira taxativa tanto Carlos como Serafín. 

Comentarios