Unanimidade para dotar de carga de traballo a Navantia

A proposta do PP insta á Xunta a exixir ao Goberno do Estado que encargue aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun Buque de Acción Marítima (BAM) á Armada do Estado
O Parlamento de Galiza nunha sesión. (Foto: Europa Press)
photo_camera O Parlamento de Galiza nunha sesión. (Foto: Europa Press)

Por unanimidade, os tres grupos no Parlamento aprobaron unha proposición non lei do PP para instar a Xunta a exixir ao Goberno do Estado que encargue aos estaleiros de Navantia en Ferrol a construción dun Buque de Acción Marítima (BAM) á Armada do Estado.

O obxectivo da proposta é “dotar de carga de traballo inmediata á ría de Ferrol, tanto para o persoal traballador de Navantia como a industria auxiliar”, sinala a iniciativa.

A proposición non de lei foi defendida por Diego Calvo, deputado do PP, que se comprometeu a presentar esta petición todos os meses até que se faga efectiva. Calvo quixo incidir na situación da comarca de Ferrolterra e da súa capital, “Ferrol é a cidade coa taxa de paro e o risco de pobreza máis alto da Galiza”, e reclamou un acordo no Consello de Ministros.

O deputado do PP tamén aproveitou para criticar o PSdeG pola marcha das súas senadoras cando nun debate recente no Senado do Estado tiveron que votar esta iniciativa.

A resposta da oposición, encabezada polo BNG, chegou da man do deputado Ramón Fernández, quen se ben amosou o seu voto favorábel á iniciativa, preguntouse se era certo que unha vez aprobada, a Xunta acaba por exixirlla ao Estado. Amais, o deputado do BNG cuestionou que diante da realidade dunha comarca “nunha situación dramática que perde catro veces máis poboación que a media galega”, a Xunta derive toda a responsabilidade cara ao Executivo español, "queren dicir que a Xunta non ten nada que facer para resolver os problemas de Ferrol?", inquiriu o deputado nacionalista. 

A posición do PSdeG marcouna o deputado Martín Seco, quen pediu desculpas porque as representantes do partido no Senado non estiveran presentes na votación da iniciativa.

Despois de anunciar o seu apoio ao texto, Seco acusou o PP de traer esta proposta para lavar a súa “mala consciencia” polo abandono que supuxo para Navantia os 7 anos de goberno de Mariano Raxoi.

Solvencia empresarial

Na sesión do Parlamento tamén foi aprobada unha proposta do PP co apoio do BNG e a abstención do PSdeG para solicitar ao Goberno do Estado medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta á pandemia.

A proposición non de lei solicita máxima urxencia na transferencia de fondos de axuda. Asemade, pide que se modifiquen os criterios de reparto para que Galiza acceda como mínimo a 340 millóns de euros, tamén se solicita a ampliación das actividades susceptíbeis de recibir estas axudas e que se repensen os requisitos para que as empresas xustifiquen gastos. 

Comentarios