Unanimidade do Parlamento galego para reclamar ante o Congreso español o traspaso da AP9

A Cámara galega aprobou por unanimidade unha iniciativa de lei do BNG para que se traspase a titularidade da autopista a Galiza. Os deputados Ana Pontón (BNG), Raúl Fernández (PsdeG) e Jesús Goldar (PpdeG) defenderán a proposta na Cámara española.

en 2021, 70% do total de accidentes mortais tivo como protagonistas vehículos de máis de dez anos (Foto: Nós Diario).

Os deputados Ana Pontón (BNG), Raúl Fernández (PsdeG) e Jesús Goldar (PpdeG) defenderán no Congreso o traspaso a Galiza da titularidade da AP9, unha reclamación que fai por unanimidade o Parlamento galego coa aprobación dunha proposta de lei nese sentido. En setembro de 2015 comezou o debate sobre esta cuestión, que tivo un punto fulcral o pasado 4 de marzo coa aprobación en comisión parlamentar do texto impulsado polo BNG, se ben após eliminar certos aspectos a petición dunha emenda do PP.

A aprobación do texto faise entre chamadas dos grupos a manter o compromiso de voto nas Cortes españolas. Non sería a primeira vez que unha reclamación dunha transferencia por parte do Parlamento galego topa coa negativa do Congreso. O regulamento permite un máximo de 3 deputados para defender a iniciativa, polo que irán un de cada grupo maioritario (PP e PSOE) e Ana Pontón, do BNG, grupo impulsor da proposta e que após as marchas de tres deputadas de AGE ao grupo Mixto, é o terceiro da Cámara, por diante de AGE.

Para BNG e AGE, a autopista AP9 é o “símbolo do agravio aos galegos” e unha “aldraxe”, en palabras de Pontón e de Juan Fajardo, deputado de Alternativa galega de Esquerdas. “Defendemos ter capacidade para decidir sobre os asuntos que nos afectan como país”, dixo a deputada do BNG, que considera que é hora de “acabar coa xestión que fixo o Estado, contraria aos intereses dos galegos”.

Fajardo lembrou os “abusivos” prezos da AP9 que fan que sexa máis barato voar “”da Coruña a Frankfurt” que viaxar pola autopista de Tui a A Coruña. “Hai que recuperar para o público unha infraestrutura que nunca deixou de ser pública”, dixo.

Comentarios