Unanimidade do Congreso para pedir á familia Franco devolución das esculturas do Mestre Mateo a Compostela

A proposición non de lei presentada polo deputado Miguel Anxo Fernán Vello (En Marea), logrou o apoio unánime da comisión de Cultura do Congreso, que aprobou que se realicen as xestións pertinentes para que as esculturas de Abraham e Isaac retornen ao seu lexítimo propietario, o concello de Santiago.

 

fernánvello

A comisión de Cultura do Congreso español vén de aprobar por unanimidade a proposición non de lei presentada por Fernán Vello (En Marea) e na que se pide que se realicen as xestións necesarias para que as esculturas de Mestre Mateo en mans da familia Franco retornen ao Concello de Compostela. Incluso, dise na PNL,  no seu caso, pedindo a intervención da Fiscalía

Fernán Vello apelou a que as esculturas de Isaac/Ezequiel e Abraham/Xeremías, realizadas polo taller do Mestre Mateo, “deixen de ser produto dun espolio, dun latrocinio, dunha pillaxe do patrimonio artístico e pasen a ser de novo propiedade pública”, en alusión ao concello de Santiago, que tal e como figuran nas escrituras de compra venda que o deputado de En Marea exhibiu na Comisión, “é o verdadeiro propietario das dúas tallas pétreas”.

2016100612241743860

O parlamentar instou o Ministerio de Cultura a “non permanecer de brazos cruzados perante un espolio manifesto”.

O Pazo de Meirás non é o único patrimonio de Galiza que posúe a familia Franco embora sexa o máis coñecido Mais non é o único. No Pazo de Cornide os Franco posúen dúas pezas feitas no séculos XII e XIII polo Mestre Mateo.

Dúas pezas talladas entre 1188 e 1211 por Mateo para que figurasen nesa xoia universal que é o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela. Abrahan/Xeremías e Isaac/Ezequiel. Como chegaron estas obras de arte a poder dos Franco? Descoñécese con exactitude. Sábese que en 1947 o Concello de Santiago merca as dúas pezas ao Conde de Ximonde, Santiago de Puga y Sarmiento, que as tña no seu pazo da Ulla. 60.000 pesetas foi a cantidade que pagou o goberno compostelán polas dúas tallas, tal e como figura no documento de compra. Documento no que tamén se estipulaba que se esas pezas abandonaban a capital de Galiza terían que pagarlle ao vendedor 400.000 pesetas. Pois ben, as pezas non están en Compostela senón nunha propiedade dos Franco na Coruña, no Pazo de Cornide. Antes estiveron en Meiras, o pazo insignia da familia do ditador.

Comentarios