venres 03.07.2020

Mulas Granado usaba un pseudónimo falso para cobrar artigos á fundación que el mesmo dirixía

O economista Carlos Mulas Granado inventou unha colunista, de nome Amy Martín, que chegou cobrar até 3.000 euros por un artigo. Mulas Granado vén de ser cesado como director da Fundación Ideas, do PSOE.

Mulas Granado usaba un pseudónimo falso para facturar a venda de artigos a fundación que el mesmo dirixía.

O economista foi cesado polo presidente da Fundación Ideas, o ex ministro Jesús Caldera, após o diario El Mundo publicar que cobraba da fundación por artigos dunha escritora falsa, Amy Martín. Disfrazado con esa identidade fantasma Mulas Granado chegou a cobrar até 3.000 euros por un artigo.

De acordo co que publica Esquerda.Net, Mulas Granado é coautor dun informe do FMI a prol das políticas de recortes brutais contra o Estado do benestar en Portugal.

O salario de Mulas Granado como director da Fundación Ideas roldaba os 5.000 euros mensais. Non contento con iso, obtiña un sobresoldo polo procedimento de colocar á súa propia empresa artigos supostamente redixidos pola escritora Amy Martín.

Mulas Granado foi subdirector do gabinete económico da Moncloa no primeiro goberno Zapatero.

comentarios