Un debate arredor da soberanía sentará na mesa o nacionalismo galego

A través da nosa web poderás seguir en directo o debate organizado polos Comités arredor da soberanía de Galiza. 

Bloque Nacionalista Galego, Nós-UP, Causa Galiza, Compromiso por Galicia, Anova e Converxencia XXI celebrarán esta cuarta feira un debate arredor da soberanía de Galiza. O acto, que terá lugar na Facultade de Ciencias Políticas, foi organizado polos Comités e pretende xerar un foro aberto "arredor dunha cuestión que está en voga na sociedade galega". E o certo é que son múltiples as iniciativas encetadas nos últimos meses arredor do dereito de autodeterminación dos pobos, nomeadamente do galego. 

"Temos curiosidade polas posicións que defenden cada unha das organizacións convidadas" asegura Carlos García, membro do Comité de Políticas-Laborais. Malia que recoñece existen ideas próximas entre as distintas formacións que tomarán parte do debate, Carlos salienta que o obxectivo da palestra é "ver como construír ese Estado propio" e cal é o modelo social, político e económico que defenden cada unha delas. 

Neste senso, cada representante terá 5 minutos para expor os seus posicionamentos arredor de diversas cuestións que serán achegadas pola moderadora e após, iniciarase unha quenda de preguntas coas persoas que participen. "Principalmente vai dirixido ao estudantado mais cremos que o tema interesa" polo que desde os Comités agardan que tome parte do acto "máis xente". 

Sermos Galiza retransmitirá o debate en tempo real a través da nosa conta de Twitter e o hastag #SoberaníaGZ

Comentarios