A Xunta merca un castelo con leiras por 5 millóns de euros

O último Consello de goberno asinou o convenio "para o desenvolvemento das distintas actuacións necesarias para a adquisición do Castelo de Pambre". Para se faceren coa fortaleza, ubicada en Palas de Rei, porán cartos as consellarías de Cultura e Traballo, 3 e 2 millóns respectivamente, que irán parar a unha conta privada cuxa titular é, máis unha vez, a Igrexa
photo_camera [Imaxe: SG]


O Goberno galego pechou no último Consello da Xunta máis un acordo cunha entidade relixiosa, desta volta para a adquisición dun castelo, o de Pambre, situado en Palas de Rei e propiedade dos Irmáns misioneiros dos enfermos pobres. Tamén se mercaron as terras lindeiras.

Se ben o presidente Feijóo informou dun gasto de 3 millóns de euros, que sairían do peto da consellaría de Cultura, o certo é que a consellaría de Traballo porá 2 millóns máis para que a entidade relixiosa continúe coa "atención social" e reforma da fortaleza.

Así o sinala a referencia da referida xuntanza realizada na cuarta feira, con data do 27 de decembro, onde se acorda que se subscribirá o convenio "para o desenvolvemento das distintas actuacións necesarias para a adquisición do Castelo de Pambre, polo importe total de cinco millóns cento trinta e catro mil sesenta e oito euros con sesenta céntimos (5.134.068,60 euros)".

Di a Xunta que os Irmáns misioneiro desenvolven tarefas sociais na comarca de Palas e en Vigo, para alén de "dinamizar turisticamente o municipio de Palas de Rei e ofrecer aos peregrinos do Camiño de Santiago a posibilidade de coñecer a historia desta importante fortaleza medieval".

Cartos á Igrexa polas Galescolas e pola atención á dependencia

A transferencia de diñeiro público a contas privadas cuxa titular é a Igrexa non deixa de medrar. O primeiro de xuño o Diario oficial da Galiza facía públicos os convenios que o departamento de Beatriz Mato asinou para os catro primeiros meses do ano. Na relación de entidades beneficiarias, as maiores contías van parar a Asociación Galega San Francisco (Agasfra) --2.082.955,32€--, para contribuír ao mantemento dos servizos que presta a través dos seus centros de atención a persoas con discapacidade da súa titularidade; e a Esclavas de la Virgen Dolorosa-Crecente --1.038.441,60€-- para contribuír ao mantemento do servizo que presta a través do Centro Residencial Asistencial Nuestra Señora de Fátima y Cristo Rey.

Tales axudas resultan rechamantes, pois neste mesmo ano deixaron de funcionar o centro de menores de Montealegre, en Ourense, e o de Soutomaior, en Ferrol. Alén destes, o pasado ano a consellaría de Benestar eliminou o centro de atención especializada do Santiago Apóstolo, e privatizou o centro Souto de Leixa, en Ferrol, que acabou sendo propiedade do grupo empresarial CLECE, vinculado a Florentino Pérez. Estes dous últimos centros prestaban atención, xustamente, a persoas con diversidade funcional.

Respecto das escolas infantís, a Fundación de estudos e análises --Fesan--, unha empresa vinculada ao Opus Dei, e Promoción de la formación Las Palmas --Profolp--, con sede en Madrid, repartiron en maio a xestión privada dos centros Pontevedra-Monte Porreiro, O Pino, Coristanco, Carballo-A Baña e Betanzos.

Comentarios